O dereito de vivirmos en galego

A lóxica do Estado español é beneficiar ao castelán e limitar o galego e, tamén, ao euskera e ao catalán, malia que nestes dous casos cadanseu Poder autonómico compensa, nunha pequena parte, a abafante omnipresenza do castelán na Administración de Xustiza, no mundo empresarial, na publicidade e na comunicación e fición audiovisuais.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 19/12/2021

Comparte esta noticia
Unha desaquelada desproporcionalidade, tendo en conta que somos un País no que sabemos falar galego o 89%, mentres un 53,3% aínda fala só ou nomeadamente galego e só o 24% fala sempre castelán.
 
O problema de base xurídica é que a Constitución só recoñece o deber xeral de coñecer o castelán. Mesmo o Tribunal Constitucional declarou inconstitucional no 1986 a obriga de coñecer o galego, euskera e catalán recoñecida en cadansúas leis de normalización lingüística. O mesmo Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo foron minorizando estas linguas cooficiais, impedindo que fosen de uso preferente e esixindo na práctica un uso subordinado e minorizado ao do castelán. Xuices e fiscais  poden exercer na Galicia sen coñecer o galego (velaí porque nun país con eses níveis de uso da nosa lingua só o 6-7% das sentenzas redáctanse en galego), mentres algúns médicos apelan a un suposto dereito á ignorancia que prexudica gravemente a relación coa persoa doente.
 
Son lexislacións, xuriprudencias e políticas baseadas na idea dunha España monolingüe na que as outras linguas constitúen unha incomodidade.  Mesmo hai xente no centro peninsular que pensa que falamos galego (ou catalán) por amolar. E esta idea proxéctase nas persoas que veñen traballar a Galicia dende Hispanoamérica ou territorios monolingües do Estado. Hai poucos días, o porteiro de orixe mesetaria dun local de lecer nocturno dunha cidade galega espetáballe a dous meus amigos que presentaban o pasaporte Covid “estamos en España y en España sólo se habla español”. Tamén hai poucos días unha mandadeira de orixe hispanoamericana, con varios anos de exercicio laboral na capital de Galicia, espetáballe a unha clienta logo de lle entregar o pedido  “no me hables gallego que no te entiendo…”. Unha vez máis os preconceitos xerados en Madrid que se proxectan nas mentes de milleiros.
 
Para que se respecte o noso dereito de vivirmos en galego todas as persoas que aquí residen e traballan, cando menos, haberían amosar unha comprensión pasiva da nosa lingua. Mudar de código lingüístico é razoábel cos turistas e transeúntes, mais non se xustifica coas persoas residentes.
 
As persoas intelixentes ollan sempre para a lúa e non para o dedo que a sinala. No Estado español a lingua A, a privilexiada, é o castelán. Que o balbordo non nos confunda. 

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.