Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2021 | Actualizada ás 20:15
Novo episodio da polémica polas deficiencias denuncias con respecto ao sistema de rastrexo da Xunta. Podemos Galicia ven de demandar á administración autonómica un reforzo “urxente” tanto deste sistema de control de casos, privatizado polas Consellerías, como da Atención Primaria, que nos últimos meses comezou a dar mostras de serio esgotamento tras máis dun ano e medio de pandemia.
A petición, desenvolta polo secretario xeral da organización, Antón Gómez-Reino, chega nun momento de escalada de casos, coa Comunidade por riba dos 17.000 positivos activos. Unha problemática que, para Gómez Reino, ten como mellor medida o reforzo da atención primaria e do sistema de rastrexo. A poboación cumpriu os confinamentos e as medidas ditadas polo Goberno, pero a responsabilidade non só se lle pode esixir ás galegas, senón sobre todo ao presidente da Xunta de Galicia”, apuntou.
Neste aspecto, o secretario xeral cargou tamén contra as malas condicións do persoal sanitario de Galicia. “A dous días de Noiteboa, o Sergas está a denegar permisos ás enfermeiras porque non hai persoal dispoñible e a carga de traballo está a aumentar pola incidencia da sexta onda. Non entendemos que ten que pasar xa para que Feijóo se tome en serio a sanidade pública e os dereitos das traballadoras”, engadiu o secretario xeral.
A formación fixo alusión á tardanza na comunicación dos positivos por coronavirus, como denunciaron nos últimos días varios usuarios do Sergas e tamén sobre as deficiencias no sistema de rastrexo, “como vén ocorrendo desde o comezo da pandemia”, alegou Gómez Reino. “O mellor agasallo de Nadal é que Feijóo escoite ás sanitarias e blinde a sanidade pública, porque son as que seguirán salvando vidas durante toda a pandemia”.
“Non entendemos que a única proposta de Feijóo para a conferencia de presidentes sexa a do uso obrigatorio das máscaras nos exteriores, unha solución non aconsellada polos expertos, cando non pon os recursos necesarios na sanidade pública e no sistema de rastrexo. As súas únicas respostas son botarlle a culpa ao Goberno do Estado e pasarlle a responsabilidade as persoas cando a Xunta de Galcia ten todas as competencias”, apostillou o secretario xeral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.