Duas candidaturas afíns a Formoso e Caballero competirán para liderar o PSdeG na Coruña

Son o alcalde de Pontedeume e a deputada Noa Díaz. Ambos reivindican o papel das agrupacións de base.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 28/12/2021 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontedeume e portavoz socialista na Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, e a deputada autonómica Noa Díaz confirmaron a súa decisión de presentarse para liderar o PSdeG na provincia da Coruña.

No caso do primeiro, presentou, na sede provincial, a súa precandidatura para o proceso de primarias no que se elixirá ao novo secretario ou secretaria provincial, en substitución de Valentín González Formoso, tras asumir este a secretaria xeral do partido.

En declaracións aos medios, Fernández -afín a Formoso-- apelou á súa experiencia desde o municipalismo e ao seu traballo desde unha agrupación pequena. "Esa experiencia que che dá entrar en política desde abaixo", expuxo lembrando que goberna en Pontedeume con maioría absoluta.

Desa experiencia, manifestou que é a que lle deu "unha visión próxima á militancia e á cidadanía", dixo Fernández, para quen o partido debe ser "un instrumento" para mellorar a calidade de vida dos cidadáns "e non un fín en se mesmo". A estas formulacións referiuse ao expor os motivos da a presentación da súa precandidatura, para conseguir os avais necesarios, e convencido tamén de que "hai unha forma diferente de facer as cousas, de entender a política e de mellorar a contorna".

Así mesmo, avanzou que o "principal obxectivo" do proxecto que pretende liderar é "o de preparar o partido e fortalecelo de face ás eleccións municipais" tras os resultados obtidos hai dous anos e medio polos socialistas.

Vista xeral do 14º Congreso do PSdeG, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. César Arxina - Europa Press
Vista xeral do 14º Congreso do PSdeG, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

PROXECTO "PROPOSITIVO" DE NOA DÍAZ

Pola súa banda, a deputada Noa Díaz --afín ao exsecretario xeral Gonzalo Caballero-- ratificou que presenta este martes a súa precandidatura para liderar o partido na provincia. A decisión, indica nun comunicado, a toma "alentada por moitos compañeiros e compañeiras da provincia que desexan un proxecto propositivo e co que toda a militancia se poida identificar".

"O proxecto que encabezo pretende darlle un impulso á participación da militancia, pondo o foco nas agrupacións máis pequenas, que son as que teñen maiores dificultades", sostén. Tamén avoga por "fortalecer" a estrutura comarcal do partido "e as relacións que se deben manter entre a militancia e as institucións nas que estamos presentes para así darlles voz", indica nunha carta de presentación dirixida á militancia.

Por outra banda, sinala que o seu obxectivo é establecer "canles maiores de participación para que cada militante conecte coa sociedade para trasladar a esencia mesma do PSdeG: socialismo, galeguismo e feminismo".

"É hora de que as mulleres deamos un paso decidido á fronte do PSdeG e incorporemos a nosa visión á maneira de facer política", argumenta tamén sobre unha candidatura que nace "con vontade de sumar ideas e achegas en positivo" para dar resposta aos "problemas" de Galicia. Na súa carta, pide, así mesmo, o apoio na firma de avais, paso previo necesario para poder formalizar a súa candidatura definitiva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta