O Sergas flexibiliza o sistema de rastrexo ao non poder atender o alto número de contaxios

Haberá PCR por contacto con positivo pero só ao 5º día e faranse probas de antíxenos para os asintomáticos, non PCRs. O persoal que traballa en centros de saúde non terá que facer corentena se teñen toda a vacinación e traballan con EPI adecuado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2021 | Actualizada ás 00:25

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde reorganizou o rastrexo en atención primaria, motivada, segundo fontes sanitarias, pola forte presión sanitaria e, ante a incapacidade de facer fronte ao alto número de contaxiados dos últimos días. Deste xeito, por exemplo, deixarase de chamar diariamente para facer o control. Ademais, reduce as probas diagnósticas por PRC, de maneira que deixa de facelas nos puntos habilitados fai menos dunha semana --sen cita e gratuítas--, e reserva estas probas só aos contactos estreitos ou ás persoas con síntomas.

Así, tras decenas de miles de probas nos últimos días nuns 24 puntos de todas as áreas sanitarias, Galicia elimina as PCR sen cita e só haberá test de antíxenos para asintomáticos, que ademais, deberán solicitalo previamente na web do Sergas. Mentres, a PCR a contactos estreitos pásase a, segundo as instrucións enviadas, a partir o quinto día do último contacto coa persoa que deu positivo.

O Sergas considerará un "caso" calquera test que dea positivo. No caso de que a proba non fose realizada con supervisión dun profesional, as persoas que teñen ese positivo deben comunicalo a través do teléfono habilitado (881 54 00 45) e será a central de control de seguimento ou unha autoridade sanitaria como medicina preventiva a que determine se se lle realiza outra proba. Estas medidas establécense, segundo as instrucións enviadas nas áreas sanitarias, ao entrar a pandemia "en fase de mitigación".

NOVAS MEDIDAS

Concretamente déixanse de facer PCR sen cita, pasando a facerse test de antíxenos --nasofaríngeos ou en saliva-- con autocita a través da aplicación do Sergas e da web. Este mércores pola mañá será a última quenda de PCR sen cita.

En canto ás chamadas aos positivos, os contactos serán a través da central de seguimento, realizarase unha enquisa epidemiolóxica, pediráselles a listaxe de contactos e xestionarase unha cita telefónica co médico de atención primaria. Só se fará unha chamada co médico de atención primaria o primeiro día para as incapacidades temporais e unha valoración clínica e unha segunda o día dez, que será a última, tras a toma da mostra, para dar o alta e levantar o illamento. No período de illamento, déixase de facer chamada diaria.

Os contactos estreitos poden ser corentenados ou estar exentos. No caso de estar corentenados, só farase unha PCR durante o período de corentena a partir do 5 día desde o último contacto cun caso confirmado.

Tamén se deixa de facer seguimento diario dos contactos estreitos en corentena, só se lles chamará dúas veces: o primeiro día, para comunicarlle o inicio da corentena e o décimo, para informarlle da finalización. Ademais, enviaráselles unha mensaxe con instrucións sobre as medidas de illamento e información sobre a solicitude da PCR, que fará a central de seguimento. Se presenta síntomas, a persoa afectada deberá chamar ao 881 540 045 ou solicitará cita telefónica co médico de atención primaria en xornada ordinaria ou co da PAC se é fóra desa xornada.

Os contactos estreitos exentos de corentena son aqueles completamente vacinados na data do último contacto cun caso confirmado. Si terán que gardar corentena as persoas inmunodeprimidas, se a infección é pola variante Beta ou Gamma.

As persoas que son asintomáticas e que tiveron unha infección por coronavirus confirmada nos 180 días anteriores, estarán tamén exentas de realizar a corentena, tendo en conta as mesmas excepcións que se describiron para as vacinadas. Pola súa banda, as persoas que traballan en centros de saúde estarán exentas de corentena se están vacinadas e no seu centro de traballo utilizan os equipos de protección individual (EPI) adecuados.

Varias persoas fan cola para facerse PCR, nun punto móbil de PCR gratuítas no Naútico de Vigo, a 23 de decembro de 2021, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España). Decenas de persoas fixeron máis de tres horas de cola desde esta madrugada para fai. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Varias persoas fan cola para facerse PCR, nun punto móbil de PCR gratuítas no Naútico de Vigo, a 23 de decembro de 2021, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España). Decenas de persoas fixeron máis de tres horas de cola desde esta madrugada para fai. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Realidade

Se fora ao 5°día... 13 días pasaron dende o contacto estreito, e con cambios de opinións de facer ou non facer por parte do Sergas.