Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/04/2014 | Actualizada ás 08:00
"O monte galego consolidouse como aliado das familias galegas para facer fronte á crise". Iso é o que opina a patronal da madeira, Confemadera. Segundo os seus datos, no ano 2013, preto de 70.000 familias cortaron madeira, un 29% máis que o exercicio anterior, o que representa, insiste, "unha cifra histórica en Galicia".
Por estas operacións, o 9% das familias galegas percibiron 280 millóns de euros. Os datos do Informe de resultados de Confemadera Hábitat Galicia 2013 tamén indican que a facturación conxunta da industria da madeira e o moble de Galicia alcanzou os 1.668 millóns de euros, un 2,6% máis que en 2012. "O sector mantivo o emprego con 20.000 directos e 50.000 indirectos", apunta.
Despois de tres anos, a industria inicia unha "lenta recuperación" sustentada nun "leve crecemento do mercado nacional" e no "esforzo das empresas por consolidar os mercados internacionais", segundo apuntou Elier Ojea, presidente de Confemadera Galicia.
Ademais, a patronal da madeira destaca que as exportacións galegas de produtos de madeira sumaron un volume de negocio de 769,9 millóns de euros, un 11,8% máis que en 2012. De feito, ao peche de 2013, Galicia pasou a liderar o ranking de exportacións por comunidades autónomas.
En 2013, o volume de cortes realizas en Galicia ascendeu a 7,8 millóns de metros cúbicos, unha cifra moi similar aos 7,5 millóns de metros cúbicos de 2012. A secretaria xeral de Confemadera Galicia explicou que, a industria "está preocupada" porque esta actividade procede de propiedades forestais "cada vez máis pequenas e menos rendibles para o propietario pero tamén para a industria".
Por iso, Elier Ojea destacou que "o monte galego é sustento para un número cada vez maior de familias" e fomenta a "creación de riqueza en zonas rurais". Por iso, defendeu que é necesario aplicar políticas activas que contribúan a incrementar a "competitividade das empresas do sector", incentivando a produción, xa que sen madeira "en cantidade e de calidade, a industria non ten razón de ser".
Neste sentido, pediu á Administración que dea respostas aos principais retos do monte: impulsar a produción de madeira mediante selvicultura moderna, xestión forestal conxunta e sustentable. Tamén reclamou que é necesario "clarificar, simplificar e axilizar os trámites administrativos" da actividade forestal e equiparar a norma do transporte forestal á doutros países da UE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.