Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/01/2022 | Actualizada ás 21:10
Somos Ribadumia, a través dun comunicado, expón a perda de máis de 500.000 euros en dúas subvencións (429.000 euros do plan ReacPon e os 100.000 do plan Ágora) por neglixencias e desidia política do alcalde de Ribadumia, David Castro.
O proxecto do alcalde prevía a eliminación do aparcadoiro entre o CPI Xulia Becerra Malvar e o campo de fútbol de A Bouza, para realizar un patio cuberto e unha zona parcialmente axardinada, e un cambio nas beirarrúas e zonas de aparcadoiro nun tramo da rúa Condesa.
En xullo, en pleno municipal David Castro informou de que o proxecto rondaría os 600.000 euros e que se estaba redactando o proxecto para tratar de entrar no plan ReacPon da Deputación.
Non obstante, dende Somos Ribadumia afirman que o dito polo alcalde nese pleno é mentira xa que o proxecto xa se presentara a un plan anterior en marzo, o Ágora, a través do cal o Concello conseguira inicialmente 100.000 euros.
Dende a oposición de Ribadumia denuncian que David Castro presentou o mesmo proxecto a dúas liñas diferentes, o Ágora e o ReacPon. "No canto de presentalo en dúas fases distintas, que sería o legal e o correcto, fixo da maneira máis custosa e torpe, que foi presentar o mesmo proxecto, para as mesmas actuacións, modificando a súa redacción", explica Oubiña.
A documentación confirmou outra das sospeitas da oposición: que ese proxecto non se ía poder financiar a través deses dous plans en ningún caso porque calquera obra financiada pola Deputación de Pontevedra ten unha condición ineludible que é que os terreos e vías afectadas deben ser de titularidade municipal.
Para Oubiña "o máis lamentable é a desidia do alcalde. Sabía de sobra que non cumpría o requisito da titularidade da vía, pero ese é un atranco moi sinxelo de solventar. So hai que solicitarlle a Deputación a titularidade, facer o trámite burocrático e levala a pleno". Dende Somos Ribadumia agardan que David Castro saia a dar as explicacións pertinentes e que se asuman as responsabilidades pertinentes ante este despropósito feito polo alcalde de Ribadumia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.