Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 17/01/2022 | Actualizada ás 13:53
A xerencia do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) manifestou, en resposta ás denuncias sindicais sobre falta de persoal, que se procura dar "o máximo apoio contratando todo o persoal de enfermaría e facultativo dispoñible para cubrir as ausencias". Unhas explicacións que coinciden cun informe do Defensor del Paciente que sitúa o servizo de Urxencias deste hospital entre os máis "caóticos" do Estado.
No entanto, nun comunicado, afirma que isto "como é sabido, está limitado pola dispoñibilidade de profesionais". "Nun momento en que a atención asistencial mundial está centrada na pandemia", engade.
"Nunha situación tan complicada e inédita que se alongou tanto no tempo, enténdese perfectamente o esforzo que está a realizar o persoal dos centros sanitarios, ao que manifestamos o noso recoñecemento", expón tamén.
Con todo, defende a xestión en relación ao persoal. Así, apunta que "se incrementou nos últimos anos a estrutura do persoal do Chuac, ademais de estabilizar o total do número de prazas do hospital e resto da área sanitaria nestas categorías". "Ademais iniciouse xa o trámite para a estabilización de 101 prazas das 225 correspondentes ao exercicio 2022", remarca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.