Un veciño de Lalín enfróntase a máis de 4 anos de cárcere por maltratar á súa parella, da que tiña orde de afastamento

Os feitos ocorreron en 2014.

Por E.P. | VIGO | 30/01/2022 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

A Fiscalía pide penas que suman 4 anos e tres meses de prisión para un home acusado de agredir á súa parella, da que tiña unha orde de afastamento, e que será xulgado este martes na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Segundo o escrito de acusación pública, os feitos ocorreron o 15 de marzo de 2014, cando este home acudiu ao domicilio da súa parella en Lalín, a pesar de que estaba en vigor unha medida de afastamento e a prohibición de comunicarse con ela.

Unha vez alí convenceuna para ir xuntos a cear a casa duns amigos, na mesma localidade. Tras a cea, a parella iniciou unha discusión, no transcurso da cal o home propinou unha puñada na boca á muller. Como consecuencia do golpe, a vítima sufriu unha ferida na cara interna do beizo superior, e perdeu varias pezas dentais. Posteriormente, tivo que someterse a unha intervención de cirurxía maxilofacial.

Por isto, a Fiscalía acusa ao procesado dun delito de quebrantamento de condena, e un delito de lesións agravadas. Así, pide que se lle impoñan penas que suman 4 anos e tres meses de cárcere, ademais de prohibirlle achegarse ou comunicarse coa súa parella durante 5 anos.

Igualmente, pide que indemnice á muller en 3.021 euros e ao CHUS pola atención sanitaria na cantidade que se fixe na execución de sentenza.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta