Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2022 | Actualizada ás 20:28
O Consello da Xunta aprobou este xoves o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, un documento de planificación e ordenación deseñado para garantir a conservación dos valores, hábitats e especies de flora e fauna polos que este territorio alcanzou o seu actual nivel de protección.
A Xunta destacou que o obxectivo principal deste instrumento é buscar un equilibrio que compatibilice a preservación dos recursos naturais coas distintas actividades económicas e sociais que se poidan desenvolver nel.
Neste sentido, ao investimento previsto no propio PRUX para financiar distintas liñas de actuación nos próximos 10 anos --2 millóns de euros--, súmase o orzamento estimado que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará á conservación e posta en valor deste parque a través da concesión de axudas --liñas para parques naturais e para reservas da biosfera--, da execución de proxectos como a rehabilitación do centro de interpretación ou dos gastos de persoal adscrito ao mesmo, mobilizando en total máis de 15 millóns.
Deseñado cunha vixencia dunha década, o PRUX Baixa Limia-Serra do Xurés é o sexto que sae adiante nos últimos anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.