Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2022 | Actualizada ás 15:10
O edadismo, ou discriminación por cuestión de idade, xunto cos "prexuízos" asociados, serán motivo de debate nunha xornada que organizan o Consello da Cultura Galega xunto á Valedora do Pobo, en colaboración co Concello do Carballiño, localidade anfritiona.
As institucións promotoras expoñen que na sociedade actual discútese cando unha persoa se pode considerar maior ou madura, cal debe de ser o alcance das políticas de envellecemento activo ou sobre a lexitimidade das xubilacións.
Estas "polémicas" teñen o seu reflexo nas normas xurídicas e interpretacións xudiciais como as que determinan que a tutela "non sexa equiparable a outras causas de discriminación", posto que conciben as medidas de apoio das persoas maiores desde unha perspectiva do seu mellor interese "e non necesariamente desde a vontade, desexos e preferencias" do propio colectivo.
Os prexuízos socioculturais asociados a certas idades asúmense "como normais", coa consecuente invisibilidade de situacións derivadas, entre as que hai que destacar a xurídica, xa que a idade "non se viu recoñecida como causa de discriminación" ata hai pouco.
CAUSA DE DISCRIMINACIÓN
Por tanto, explica o programa do debate, a idade semella ser a causa de discriminación "máis degradada por culpa das súas excepcións, ou a irmá pobre de todas as causas de discriminación" e a que, por tanto, recibe "unha menor protección". No foco, sitúan os "estereotipos, porta de entrada do estigma, da etiquetaxe e da conduta discriminatoria" con respecto ás persoas maiores.
Por iso estas xornadas nacen coa idea de "recuperar o enfoque dos dereitos humanos" fronte ás condutas edadistas, que proclaman un "trato respectuoso e digno" inherente ao ser humano. A independencia, os coidados, o auto realización e a dignidade son outros dos conceptos que completan unha xornada que quere chamar a atención sobre a necesidade de, do mesmo xeito que en cuestións como raza ou dependencia, alcanzar acordos de ámbito universal que sirvan tamén de "inspiración" para a lexislación interna dos países.
PROGRAMA
No programa destas xornadas, froito da colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Valedora do Pobo, figuran as intervencións inaugurais das titulares de ambas as institucións, Rosario Álvarez e Dores Fernández Galiño --que tamén contará cunha conferencia na xornada--, respectivamente, xunto co alcalde do Carballiño, Francisco Fumega. Será ás 16,30 horas do martes 8 de febreiro, no auditorio do Carballiño.
Ademais, participarán Andrés Vázquez García, estudante do Grao de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para abordar os dereitos das persoas maores; Jaime Cabeza Pereiro, catedrático de Dereito do Traballo da Uvigo, para tratar a discriminación de mulleres maiores; e Federico ARmenteros, presidente da Fundación 26 de Decembro, para abordar a discriminación do colectivo LGTBI.
Pola súa banda, Xaime Fandiño, promotor do proxecto Innovación Social Interxeracional: Deteriorados, abordará un relatorio titulado sobre o concepto "aprendendo a envellecer". O programa está coordinado por Rosa Arcos Caamaño e María Xosé Porteiro. A inscrición é gratuíta
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.