Educación censura que tras "14 meses e dúas ministras" sigan "sen coñecerse" os currículos para o próximo curso

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2022 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, lamentou ese martes que "14 meses e dúas ministras despois" non se coñezan os currículos educativos que deberán rexer a partir do próximo mes de setembro.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, responde a varias preguntas no pleno da Cámara galega. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, responde a varias preguntas no pleno da Cámara galega. DAVID CABEZÓN @ XUNTA | Fonte: Europa Press

Así o sinalou este mércores no pleno do Parlamento de Galicia en resposta a unha pregunta formulada polo deputado do PPdeG Ovidio Rodeiro, e onde volveu a instar o Goberno do Estado a que publique "con celeridade" o contido dos currículos de Primaria, Secundaria e Bacharelato, ao asegurar que "o tempo corre" e "o próximo curso está cada vez máis preto e, de non actuar con máis axilidade, poderase chegar tarde".

De feito, sostivo que o Goberno central "incumpre os seus propios prazos" xa que a propia ministra Pilar Alegría "comprometeu publicamente en novembro de 2021 que os currículos de Infantil e Primaria estarían a finais de ano, tal e como reclamaba Galicia".

O titular de Educación mostrou a súa "preocupación" e alerta das "dificultades" que terán as comunidades autónomas --encargadas de desenvolver aproximadamente un 50% dos currículos estatais-- para contar con estes contidos antes do inicio do curso.

ARRANXAR Os "ATRASOS" DO MINISTERIO

Precisamente para ir avanzado e "tratar de que os atrasos do Ministerio teñan o menor impacto posible" nos centros escolares, sinalou que o seu departamento constituíu o pasado mes de setembro os grupos de traballo con profesorado especialista para ir perfilando os contidos da parte autonómica.

"Están a adaptar contidos, pero sen poder pechalos ata que se coñezan os textos definitivos publicados no BOE", advertiu Román Rodríguez. Polo momento, conforme indicou, o único texto publicado é o currículo de Infantil, que introduce o carácter educativo na etapa de cero a tres anos e a gratuidade para o 2º ciclo, de tres a seis anos, cuestións "xa se están aplicando" en Galicia.

BACHAREL DE ARTES EN REDONDELA 

Por outra banda, na sesión, o deputado do BNG Manuel Lourenzo preguntou ao conselleiro pola petición das asociacións de nais e pais de Redondela (Pontevedra) de implantar o bacharelato de artes nesta localidade.

Respecto diso, o conselleiro de Educación sostivo que a Xunta si estuda esta petición pero que "non é o momento" tendo en conta que "se está en pleno proceso de adaptación da nova lei", coa implantación dos novos currículos, que afectará os bacharelatos e modificará o de arte ao prever a creación dun específico para artes escénicas e outro para artes plásticas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta