Por Galicia Confidencial | Carballo | 10/05/2014 | Actualizada ás 22:43
O xornalista José Casás García gañou o X Premio a artigos xornalisticos normalizadores co artigo titulado "Os exemplos".
O xurado premiou a súa capacidade de conectar coas xeracións máis novas, por tender pontes xeracionais entre esforzos e exemplos normalizadores de onte (a Xeración Nós, por exemplo) e hoxe (a Xeración Xabarín, por exemplo) e por facer ver a importancia de iniciativas e de referentes novos que poñan en valor a lingua galega.
A esta edición presentáronse 33 traballos. O premio está dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo, ademáis de en Galicia Confidencial, en Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos ao artigo titulado «Os exemplos», de José Casás García.
O xurado do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa e colaboradora de diversos medios; Mariña Pérez Rei, profesora e gañadora da edición de 2013; Cristina Abelleira, xornalista carballesa; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto.
José Casás García (Cerceda) é xornalista, licenciado pola Universidade de Santiago de Compostela, e Máster en Comunicación e Industrias Creativas. Traballou como redactor en prácticas na Radio Galega e no Consello da Cultura Galega. Agora mesmo é director de comunicación da empresa PositiBos.
Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.
Nas nove edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, María Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón ou Mariña Pérez Rei.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.