Escarcerada unha muller en Monterrei despois de quedar atrapada no seu coche logo dun accidente

Por outra parte, un operario que traballaba nunha estada sufriu feridas de consideración ao caer da estrutura na tarde deste xoves en Caldas de Reis.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2022 | Actualizada ás 21:04

Comparte esta noticia

Unha muller foi excarcerada tras saírse da vía o vehículo co que circulaba polo quilómetro 175 da N-525, ao seu paso por Monterrei. O CIAE 112 Galicia, informou que foi a propia implicada a que contactou co 112 sobre as 17,30 horas para alertar de que sufrira un accidente. Ademais, indicou que o vehículo finalizara nun terraplén e que non podía saír do seu interior cos seus propios medios.

Ante iso, desprazáronse ao momento os Bombeiros de Verín, que excarceraron á muller para que fose atendida polo persoal médico desprazado. Posteriormente, tras recibir os primeiros auxilios, foi trasladada nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Ademais, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cualedro-Monterrei e do servizo de mantemento da estrada.

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 | Fonte: 061-GALICIA - Arquivo.

CAE UN OBREIRO CAE DUNHA ESTRUTURA EN CALDAS DE REIS

Un operario que traballaba nunha estada sufriu feridas de consideración ao caer da estrutura na tarde deste xoves en Caldas de Reis. Segundo informou o CIAE 112 Galicia, os feitos sucederon no lugar de Calderrique, na parroquia de Carracedo sobre as 17,15 horas. A esa hora un particular contactou co 112 Galicia para alertar da caída do operario.

Tras iso, desde o CIAE 112 Galicia pediuse a intervención dos servizos médicos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizaron ata o lugar do accidente laboral un helicóptero medicalizado, no que o operario ferido foi evacuado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Ademais, requiriuse que os axentes da Policía Local e da Garda Civil acudisen ao lugar onde tivo lugar a caída para prestar apoio ao equipo médico desprazado na aeronave.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta