Isabel Ríos, a Pasionaria galega

Foi condenada a morte pola súa militancia comunista. Estivo presa durante máis de sete anos. Emigrou a Arxentina e Chile onde tivo que fuxir de varias ditaduras. Fundou en América o primeiro grupo da UPG, de corte maoísta. Esta é a segunda reportaxe sobre a biografía dos galegos loitadores.

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 14/05/2014 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

O 12 de xullo de 1907 naceu en Curtis, A Coruña, Isabel Ríos Lazcano. A súa casa fronte á estación de trens era o lugar que centralizaba toda a actividade do pobo, que por certo naqueles anos, non pasaba de varias ducias de familias. Por aquela estación de Curtis moitos eran os veraneantes que se acercaban durante todo o ano para desfrutar dun clima benigno que segundo os médicos era moi bo para os doentes de enfermidades respiratorias. A tuberculose era un mal endémico e en Galicia a humidade e a má alimentación favorecía a súa propagación.

Isabel Ríos co seu home Calvelo
Isabel Ríos co seu home Calvelo

Isabel cando cumpre os 7 anos comenza os seus estudios primarios cunha mestra dunha aldea veciña, Pedrouzos. Cáseque 5 quilómetros tiña que facer todos os días por camiños accidentados para recibir as primeiras ensinanzas dunha amiga da familia. A propia Isabel Ríos conta os seus anos de estudante no seu libro “Testimonios de la Guerra Civil”: A miña educación foi esmerada. Ós doce anos escribía lembranzas pero aprendín a fregar os platos, prender o lume soprando até que me mareaba, barrer, facer a cama, e prover a chimenea para toda a tempada de inverno...”

Isabel a pesares das dificultades que había pra estudiar, realizou distintos intentos pra examinarse por libre en Perito Mercantil, até que se presenta a unhas oposicións pra Facenda, conquerindo unha praza na subdelegación de Xixón. Antes de partir ó seu destino laboral, coñece a Calvelo quen se atopaba veraneando en Curtis. O xove veraneante estábase repondo dos cinco meses que pasara na guerra de África. Calvelo recentemente aprobara o último curso de medicina con matrícula de honor. Cóntanos Isabel: “ Calvelo rematou a súa carreira de medicina dous meses máis tarde do debido, a causa dunha folga dos estudantes contra a dictadura do xeneral Primo de Rivera. O 29 de xuño de 1929 viu a Curtis e díxome: Pinti, ¿casamos e ímonos a Canarias?, -Bueno, casemos!-, e o sete de xullo estábamos casados... alí estivemos dous felices anos vivindo en Los Llanos (illa de La Palma). O primeiro ano, Calvelo adicouse única e exclusivamente a súa profesión. O segundo, sendo proclamada a República con gran entusiasmo en toda España, despertouse na xente un gran interese pola política. Calvelo sacou tempo non sei de onde, pois o seu traballo profesional era enorme, e organizou o Partido Socialista e dous sindicatos de tabaqueiros...”

En 1932 o matrimonio Calvelo Ríos trasladouse a Curtis para ter o primeiro fillo, ese mesmo ano a familia múdase a Madrid co obxetivo de irse posteriormente a Alemania para que o seu marido fixera o doctorado. Coa chegada de Hitler ó poder, Calvelo e Isabel deciden quedarse en Madrid onde o seu compañeiro traballaba como profesor adxunto na Cátedra de Patoloxía do Profesor Roberto Novoa Santos. Calvelo xa fora un dos alumnos predilectos do afamado médico galego.

Isabel Ríos igoal que o seu compañeiro comenza a ter simpatías polos partidos obreiros. O socialismo parecíalles a ambos algo indefinido. En 1934 afíliase ó Partido Comunista e aproveitando unha das tantas viaxes que realiza a Curtis, organizou a primeira célula. “Pese ó meu entusiasmo e desexo de entrar no partido -relátanos Isabel- nesa primeira reunión, quixen voltarme atrás, plantexei que non me atopaba preparada, que quería instruirme antes. Dixéronme que, precisamente, dentro do Partido era onde podería facelo, pois o partido era a nosa escola...”.

Isabel Ríos, xa de volta en Galicia
Isabel Ríos, xa de volta en Galicia

Despois de traballar en Madrid, Isabel foi trasladada a Lugo a onde ía todos os días dende Curtis. A militancia de Isabel cada vez era máis comprometida. Con Calvelo lían a Marx e a Lenin. Cada día que pasaba medraba o seu compromiso e a súa formación partidaria. En Asturias estalara a revolución mineira e a dereita respostara con milleiros de presos e de mortos. En Galicia moitos republicanos foron a parar ás cárceres. Picallo, Cuadrado, Alvaro de las Casas entre outros sufrirán o rigor das cadeas. Castelao, Bóveda e outros tantos o desterro. Isabel relátanos aqueles anos: “Desde o ano 1934 ó 1936 fixemos moito traballo de organización e propaganda, silencioso pero constante, e tratamos de aprender. Preparamos as eleccións do 36 con verdadeiro entusiasmo; íbamos polo campo a falar cos labregos mentras eles facían as súas tarefas; o ambente xeral era o do sometimento, por diversas razóns, ó cacique todos debíanlle algo: a asistencia médica, o asesoramento legal, etc, etc, pois médico, avogado, boticario, etc., pertecían á mesma familia. Todo isto pagáballo o labrego co seu voto e costaba traballo facerlle comprender o caros que lle saían ditos servizos precisamente pola súa forma de pago...”.

Durante a campaña electoral Isabel foi enconmendada polo partido para estar en A Coruña con “La Pasionaria”. Dolores daba un mitin no Teatro Rosalía de Castro e un grupo de compañeiras tiña que acompañala. Ese día despois do acto que rematou con enfrentamentos cos anarquistas e moitos compañeiros con golpes na cara, Isabel e un grupo de camaradas dela comeron coa Pasionaria. Noutra xira dos líderes comunistas coñece a F. Claudín o que fora enviado polo Comité Central para participar na campaña electoral. Co entusiasmo do avance da esquerda a célula onde militaba Isabel foi reclutando ós obreiros da zona até chegar a ter 60 afiliados. Isabel Ríos foi nomeada secretaria da célula comunista, durante o seu mandato organizou o Sindicato de Oficios Varios. Tanto o partido como o sindicato alugan un local conxunto onde principiarán a realizar unha actividade máis aberta.

O propio marido de Isabel que seguía en Madrid como profesor, solicitou a afiliación ó Partido Comunista. A república debatíase nun intre de grandes definicións. Era xullo de 1936 e a Curtis chegaban os primeiros rumores de golpe de estado.

O 18 de xullo a noticia da sublevación vai tomando corpo. Isabel e os comunistas intentan organizar a resistencia. A confusión no bando leal é total, as esquerdas non tiñan ningún plan conxunto en caso de golpe militar. Ninguén sabía que facer, os comunistas pedían armas e as autoridades calma. Ós poucos días a garda civil e os falanxistas comenzaron a copar pobo tras pobo e a deter ós militantes máis destacados. O 5 de agosto a garda civil vai á caza da familia Cavelo-Ríos, éstos intentaron fuxir pero foilles imposibel. Trasladáronos a Curtis e ó día seguinte foron levados á cárcere de Santiago. Ó chegar, os outros detidos vanlles contando os horrores que estaban cometendo os falanxistas. Alí entéranse que fora fuxilado Anxel Casal,  Camilo Díaz e un sen fin de militantes de todos os partidos. Polas noites conta Isabel que os carcereiros sacaban ós compañeiros para darlles o paseo e tiralos polas cunetas, para que o pobo escarmentara.

Despois de varios meses, o 19 de decembro as autoridades facciosas realizan unha farsa xudicial condeando ó matrimonio á pena de morte.

A noticia foi angustiosa para ambos, polas súas mentes pasaban os seus dous fillos. ¿Que ía a ser deles se foran fusilados?. A única esperanza que tiña o matrimonio era que os leais á república poideran aplastar en todo o Estado Español ós sediciosos.

Isabel narra en forma dramática os seus últimos momentos xunto ó seu marido na cárcere: “Bueno, xa estamos condeados a morte; ós cinco días, polo tanto o día do nadal cumplirase a sentencia; seremos fusilados. Calvelo dime que para salvarme simule un embarazo; él poderá conquerir dous médicos que certifiquen, polo menos dúbidas, sobre o meu estado. Ante esto tería que suspenderse a execución, e mentras tanto moitas cousas poderían pasar, entre elas as de gañar a guerra, etc.. Pero eu non quero de ningún xeito;  paréceme unha inmoralidade votar man da facultade de ter fillos para salvarme... ¡se me salvaba! Prefería morrer con Calvelo. Co do embarazo aplazaríase o cumprimento da sentencia e pasado o tempo, tería que morrer soa... ¡non, iría con él!...”

Aquelas horas foron terribles, cada minuto parecía un século. Aquela tarde cóntanos Isabel: ”Despois da cea, antes de que me pechen na miña celda, pido permiso ó director para despedirme dos outros condeados a morte, pois Calvelo e eu fumos os primeiros en ser xuzgados desa tanda, enténdese que seríamos os primeiros en ser executados. Despídome cun abrazo de cada un dos meus compañeiros, que serían fusilados nos días seguintes; decímonos adeus, como se fora outro día calquera e non o último que íbamos a vivir, e dinme tal cantidade de cousas fermosas, que era como para crerse unha heroína; pero eu estaba máis alá de toda vanidade.

Percibía a vida desde unha gran altura e sentíame ceibe de calquera sentimento mezquino. Unha inmensa paz e un gran amor invadíame, unha serenidade intensa e profunda e unha dulzura inconmensurable que abarcaba a todos os seres da terra.

Os meus fillos fóranse a tarde anterior a Ponferrada, para que non estiveran en Santiago o día da execución. Antes de irse viñeron á cárcere a despedirse de nós, o meu fillo maior mirándome fixamente durante un rato díxome:

-Mamá, non eres a mesma, non tes a mesma cara, esta de agora é máis doce-, a perspicacia dos rapaces é sorprendente...”

O día 24 estaba todo listo para o fusilamento pero as autoridades postergárono para o 31 de decembro.

O día 30 ambos condeados aproveitan os últimos minutos das súas vidas para falar: “Durante as tres últimas horas da súa vida, charlamos das nosas cousas, da nosa vida en común, do noso amor, dos nosos problemas. Charlamos a través da mirilla cos compañeiros que seguirían o mesmo camiño en días sucesivos...”. Esa mesma noite cando a súa cela era pechada, os funcionarios da prisión comunícanlle que lle conmutaran a pena. Síguenos relatando Isabel: “Toda a miña mágoa céntrase no feito de que Calvelo teña que morrer só, teña que enfrentar o pelotón de execución sen min, pois xa nos fixéramos á idea de morrer xuntos. Ó amencer, antes de ser fusilado, Manuel Calvelo ten unha breve despedida de Isabel onde nos conta Isabel que Calvelo só me pide unha cousa, que adique toda a miña vida a loitar polo que él morre, é dicer, polo dereito de todo ser humán a unha vida digna...”.

O 31 de decembro de 1936, poucas horas antes de ser fusilada, as autoridades conmútanlle a pena pola de reclusión perpetua, mentras que Manuel Calvelo era fusilado ese mesmo día co orgullo de morrer por unha causa xusta.

Isabel Ríos durante sete anos percorrerá distintas cárceres, Santiago, Saturrarán e Betanzos, sendo posta en liberdade condicional en 1943. A cárcere de Saturrarán no País Vasco foi o lugar elexido polos franquistas para levar ás mulleres políticas máis perigosas. A maioría delas eran nacionalistas vascas e un grupo de mulleres galegas. Entre elas a anarquista Joaquina Dorado, a comunista Flora de Dios Hernández e a filla do destacado pensador libertario Ricardo Mella, que foi procesada polo simple feito de ser a súa filla.

“O 21 de marzo de 1943 saio en liberdade... É un día maravilloso, de primaveira, pero aínda que tivera chovido a mares a min pareceríame o día perfecto...”.

Ó sair da cadea, durante moito tempo, é sometida a un control moi estrito por parte da policía. Era constantemente seguida e observada polas forzas de seguridade. A pesar diso, ó pouco tempo de chegar a Galiza púxose a colaborar novamente co Partido Comunista e coa guerrilla que estaba organizada nos montes. É así como frecuenta ó mítico Benigno Andrade “Foucellas” e a Manuel Ponte, etc.

“Todos os que saímos da cadea -sinala Isabel- ansiamos sumarnos a calquera movimento de resistencia ó franquismo”.

En 1946 trasládase a vivir á cidade de A Coruña na rúa Riego de Auga. O acoso policial era incesante, Isabel decide marchar a Bos Aires onde ten familia para deixar ós seus fillos a resgardo e ela voltar a Galicia para incorporarse á guerrilla.

O 18 de xullo embarcou cos seus fillos rumbo ó Río da Plata. No seu desexo estaba que os seus fillos poideran trasladarse desde a Arxentina até a Unión Soviética para que poideran estudiar. Pero a realidade foi moi distinta, Isabel e os seus fillos tardaron moito tempo en atopar o vínculo co Partido Español e cando o realizaron non foi o esperado. A pesar deles reiniciou a súa militancia comunista no seo da emigración. Incorporouse á Federación de Sociedades Galegas participando na comisión feminina e a de cultura. Por aqueles anos a incidencia dos comunistas nesta asociación era moi grande. Intelectuais galeguistas da valía de Arturo Cuadrado, Ramón de Valenzuela, Eduardo Blanco Amor, Mariví Villaverde e Luis Seoane estaban dentro desa órbita política. Logo sumaríase Lorenzo Varela, etc.

Nos principios dos anos 60 cos cambios producidos en China, Isabel e un grupo de comunistas comenzan a ter diferencias ideolóxicas co partido que comandaba Carrillo. Nesta etapa política este dirixente comunista propiciara o desmantelamento da resistencia guerrilleira e falaba da Unión Nacional. Íase cultivando dentro do partido os xermes que anos despois desembocarían no eurocomunismo.

As disidencias irán en aumento até que son expulsados por “fraccionistas”.  Nese grupo de galegos estaban o hoxe destacado xinecólogo pontevedrés Manuel Viñas, Leonardo Omero, Roberto Calvelo, Antonio Pérez e o actual presidente do CRE de Bos Aires, Francisco Lores. (Coa ida de Isabel de Bos Aires este grupo de pensamento maoísta funda o primeiro grupo da UPG baixo a dirección de Manuel Mera).

Un dos compañeiros de militancia daqueles anos, “Paco” Lores, lembrará algunhas características dela: “Isabel era unha muller con moita persoalidade, cunha importante formación política. Tanto a min como ós demais compañeiros do grupo encantábanos escoitar as súas opinións. Ela pensaba que era posibel seguir loitando a través da vía armada contra a dictadura de Franco. Sempre foi unha muller valente. Tanto a min como a Leonardo e Viñas que éramos máis xoves que ela, encantábanos cando nos contaba sobre a súa participación na guerrilla. Coa súa morte se nos vai un pedazo da heroica historia de Galicia”.

En 1966 debido ó golpe militar de Onganía, o seu fillo trasládase a Chile e Isabel síguelle os pasos. Roberto Calvelo foi contratado polo Ministerio de Educación deste país. En 1971 pasou a ser consultor da FAO.

En 1973 outra vez ó exilio, o golpe de Pinochet a obriga a sair rápidamente deste país e trasládase ó Perú. En 1975 o seu fillo Manolo a invita a pasar unhas vacacións ó Estado Español chegando uns días antes da morte de Franco. Esta visita pasaría a ser permanente xa que ó pouco de chegar conquire ser reintegrada ó seu posto laboral no Ministerio de Facenda e radícase en Madrid.

“Non me levou á loita ambición algunha, mellor dito, levoume unha ambición inmensa, a de querer aportar o meu grao de area á trasformación dunha sociedade inxusta, deshumanizada, cruel, noutra máis xusta que abarcara a todos os seres e na que todos atoparan a posibilidade de vivir a nivel humano”.

Isabel Ríos faleceu en Madrid o 17 de xuño de 1997. A súa apaixoante historia  énchenos de orgullo pola súa valentía e a súa confianza, nuns ideais que querían cambiar o mundo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Leitor

Maravilhoso.

2 ferreiro

Este fala calquer cousa con tal de non traballar, segun lle paguen pode decir mentiras sobre anarquistas, comunistas e incluso reptilianos :D

1 4cats

Sinto dicir que moi demagóxico, sentimentaloide, almibarado, etc. e moi pouco rigoroso. En primeiro lugar non foron miles de mortos os de Asturias, senón mil e pico; en segundo, comparar á Pasionaria con está señora é peregrino, entre outras cousas porque a Isabel Ríos coñecémola tres, e á Pasionaria calquera cidadán; dase por certo o seu testemuño, chegando a enaltecerse a súa figura --sen tomar unha prudencial distancia que da credibilidade ao que se di-- sen contrastar o que di. Desengánese o autor: en Galicia na II República, no franquismo e agora, os comunistas sempre foron catro gatos.