Por GC Tendencias | Santiago | 19/05/2014 | Actualizada ás 14:23
Cando se fala de África é sinxelo caer nos estereotipos: falar do continente máis pobre, ollalo como un lugar de guerrillas, ou reducilo ao berce da humanidade. Co gallo de mellorar esta visión celébrase o 25 de maio o Día de África. Galantiqua e Mareiras Spacio de Arte aproveitan esta oportunidade para dedicar a súa sexta edición de “Café con...” a achegar o devandito continente á vida cultural santiaguesa. Este é un “Café con… África” e por isto, varios dos participantes naceron ou viviron neste continente e compartirán a súa experiencia, persoal e artística, de primeira man.
O “Café con… África” terá lugar a partires das 16:00 horas do luns 19 de maio. Como é habitual, será no hotel santiagués “AC Palacio del Carmen” (rúa Oblatas s/n). Esta edición de “Café con...”, a sexta, é completamente solidaria: ningún dos implicados obtén beneficio da celebración, nin os organizadores, nin os participantes, nin os artistas coa venda da obra. Todo o acadado destinarase de xeito íntegro ao proxecto do poboado Mbourokh Bambara, unha localidade rural de Senegal cuxas necesidades coñece de primeira man un dos implicados neste “Café con”, o músico e poeta Abdoulaye Bilal Traoré, orixinario deste país.
O programa comeza coa presentación de #GaliciaTB, a primeira asociación de blogueiros de viaxes de Galicia. Como introdución á mesa redonda proxectarase o documental “Viaxe virtual a Senegal”, de Abdoulaye Bilal Traoré, que estará presente no coloquio xunto con Brasz Aleixo, artista polifacético, natural de Mozambique, afincado en A Coruña; Miguel Ángel Cuña, Presidente da Fundación Cuña-Casasbellas; Isaac Martín, de “Viajes Chavetas”, un dos membros da asociación de blogueiros #GaliciaTB, e o creativo dixital e fotógrafo Xosé Rivera. Entre todos tentarán dar unha visión de África que se afaste dos tópicos achegándose cada un desde as disciplinas que lle son afíns. Os asistentes poderán intercambiar puntos de vista e preguntas cós convidados.
Como en todas as edicións do “Café con...”, haberá unha visita guiada pola obra exposta no AC Palacio del Carmen, na que ademais dos participantes da mesa redonda, estarán “O Viaxadoiro”, DSalgueiro, Patricia Peña Gil, Rafael Arroyo e Xaime Cortizo con fotografía, Ánxela Búa e Dcastedo como ilustradores e Mareiras con obra plástica. Hai que destacar que case todos os artistas crearon a obra especificamente para este “Café con...”.
Outra das novidades de esta edición é que a visita guiada pola mostra acompañarase dun desfile de moda da deseñadora Nerea Lurgain e a tenda compostelá Ela Diz, que mostrarán as súas prendas de inspiración africana. Nesta mestura atopamos a esencia do “Café con...”, un evento que racha coas convencións atribuídas de xeito cotiá ao mundo da Arte, reunindo diferentes disciplinas e aloxándoas dos espazos aos que tradicionalmente se vencellan. Para rematar este “Café con... África” haberá un contacontos para adultos de man da artista e contadora Soledad Felloza.
As obras ficarán expostas no “AC Palacio del Carmen” durante tres meses.
“Café con” é unha iniciativa nacida da inquietude de Ana Paula Castro e David L. Salgueiro, fundadores de www.galantiqua.com, de promover a arte dun xeito diferente, menos excluínte e máis achegado ao público. É por isto que o evento se desenrola no hotel “AC Palacio del Carmen – Autograph Edition” en Santiago de Compostela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.