Por E.P. | Ourense | 28/02/2022 | Actualizada ás 20:02
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou, este luns, as obras da segunda fase de mellora da ponte romana de Ourense --cun investimento de 1,1 millóns-- cos que se completan os traballos da primeira fase --500.00 euros--, para un montante total de 1,6 millóns de euros.
A conselleira destacou a contribución da Xunta de Galicia á "mellora da calidade de vida" e "o reforzo do atractivo" da cidade de Ourense ao recuperar e pór en valor este patrimonio histórico e a contorna da capela dos Remedios.
Así, valorou que se "gañan novos espazos públicos" no barrio do Couto, á vez que se realizan actuacións como unha iluminación específica coa que "resaltar" o monumento. Todo iso nunha "mellora radical e substancial" da zona.
Por unha banda, mellorouse a conexión entre a ponte e a capela, abrindo o espazo para pór en valor a súa relación histórica. Por outro, construíuse un novo acceso á zona do Paseo das Ninfas, que gaña en accesibilidade a través dun espazo aberto, con ramplas, mobiliario urbano e unha fonte con auga potable.
Ademais, a conselleira explicou que tamén se mellorou a conexión entre a ponte romana e a ponte do Milenio mediante o acondicionamento do camiño entre as dúas estruturas. E subliñou como elemento fundamental para gañar espazo urbano "a eliminación do tráfico rodado" e a recuperación para uso peonil deste tramo.
"Os traballos de acondicionamento levaron aparellada unha importante intervención no barrio do Couto", dixo Vázquez Mourelle, quen subliña a creación dun novo 'skate park 'integrado na contorna, con 775 metros cadrados, que xa foi posto en servizo o ano pasado.
Igualmente, referiuse a a construción dun 'pump track' --circuíto para monopatín ou bici-- no Parque das Letras, neste mesmo barrio, ata onde se desprazou para ver unha exhibición de deportistas profesionais nas novas pistas.
Nesa mesma zona, avanzou que se están preparando os trámites para construír, nos próximos meses, unha fonte que aproveite o foco das augas termais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.