O acusado de matar un hostaleiro en Ourense arrepíntese: "Non merecía perder así a vida"

A Fiscalía solicita unha condena de 12 anos de prisión por un delito de homicidio e un delito leve de furto. Ademais pídese para o acusado que abone a cantidade de 22.000 euros a cada unha das dúas herdeiras que o reclaman.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2022 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

O acusado de matar un hostaleiro da zona vella de Ourense por 2 gramos de cocaína afirmou no xuízo que se "arrepinte" e que a vítima "non merecía perder así a vida". "Se puidese volver atrás, tería ido cando mo pediu", alegou o acusado na sesión do xuízo que acolle a Audiencia Provincial de Ourense ata o vindeiro mércores, o primeiro con xurado popular desde o ano 2019.

Segundo o escrito da Fiscalía o 4 febreiro de 2020, o acusado desprazouse ata o bar da vítima coa finalidade de "comprarlle sustancias estupefacientes como xa fixera noutras ocasións", portando con el unha pistola propiedade do seu sogro e desconectando o teléfono móbil. Unha vez no bar, que estaba pechado ao público, o acusado solicitou que se lle entregasen 4 gramos de cocaína, pero a vítima "só entregou dous, posto que lle debía diñeiro de compras anteriores". Así se iniciou unha discusión que acabou en pelexa.

"O acusado deu un forte empuxón" ao hostaleiro que caeu ao chan e intento coller un coitelo, pero o acusado, "con ánimo de atentar contra a súa vida e con intención de causarlle a morte" suxeitoulle a man e pegoulle en repetidas ocasións coa pistola na cabeza. Coa vítima no chan, o home, para o que se piden 12 anos de prisión, colleu unha botella, rompeuna e cravoulla varias veces no pescozo, provocándolle a morte.

CONSUMÍA ATA 6 GRAMOS DIARIOS

Todo iso recólleo o escrito fiscal e todo iso contouno o propio acusado ratificando na vista o recoñecemento dos feitos que mantén desde que foi detido en maio de 2020. O detido explicou que no momento dos feitos consumía ata 6 gramos de cocaína diarios, escusándose en que "eran os necesarios" porque tiña que "manterse esperto" nunha taberna que rexentaba no concello de Celanova. Ademais, manifestou que era unha conduta que repetía desde os 25 anos, tendo na actualidade 40.

Desde que o detiveron en maio do 2020 estivo en prisión provisional no Centro Penal de Pereiro de Aguiar, no módulo de desintoxicación. "Agora estou limpo e só tomo medicación para durmir porque teño remorsos", afirmou. Así, a preguntas tanto da Fiscalía como da acusación particular, que representa unha das fillas da vítima, o procesado trasladou o sucedido.

"SABÍA QUE IRÍA AO CÁRCERE"

O procesado non colaborou coa xustiza antes de ser descuberto porque "sabía que iría ao cárcere e deixaría de ver" á súa filla e á súa muller. Preguntado sobre se confesaría de non ser descuberto dixo "non sabelo", pero matizou que "desde ese día" se medica porque ten "remorsos". "Todos os días sufría pesadelos, empecei a medicarme. Só eu o sabía", incidiu.

O xuízo continúa este mércores coas declaracións de policías, peritos e as fillas da vítima. Ademais a fiscalía avanzou varias das probas que cercaron o acusado para que o xurado popular "conte con suficientes probas directas dos feitos para alcanzar un veredicto de culpabilidade". Neste sentido referiuse ao ADN, a unhas chamadas telefónicas e a gravacións de distintas cámaras.

A Fiscalía solicita unha condena de 12 anos de prisión por un delito de homicidio e un delito leve de furto. Ademais pídese para o acusado que abone a cantidade de 22.000 euros a cada unha das dúas herdeiras que o reclaman.

Xuízo contra o acusado de matar a un home en Ourense por dous gramos de cocaína.
Xuízo contra o acusado de matar a un home en Ourense por dous gramos de cocaína. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta