Pórtico, en risco de pechar en xuño

O cadro de persoal da firma viguesa decidiu en asemblea convocar un calendario de mobilizacións.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 28/05/2014 | Actualizada ás 00:12

Comparte esta noticia

O comité de empresa de Pórtico (CCOO e CIG) alertou o martes do peche da compañía viguesa se antes de mediados de xuño o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) non adianta o custe das indemnizacións dos traballadores/as despedidos/as e dos salarios pendentes. O cadro de persoal decidiu en asemblea convocar un calendario de mobilizacións en defensa dos seus postos de traballo.

Tenda de Pórtico Básico na rúa Policarpo Sanz en Vigo
Tenda de Pórtico Básico na rúa Policarpo Sanz en Vigo | Fonte: Miguel Núñez

O comité de Pórtico compareceu  en rolda de prensa para amosar a súa preocupación polo que lles vén de comunicar a administración concursal: que optará pola liquidación da firma no caso de que o Fogasa non se faga cargo antes de mediados de xuño das indemnizacións dos 200 empregados/as despedidos/as en novembro e dos salarios pendentes, que en total suman 3,3 millóns de euros.

Segundo indicaron dende o comité, a propia administración concursal trasladoulles a negativa do Fogasa a adiantar os cartos ao non ter garantías suficientes de que o vai recuperar. A compañía puxo como avais varias propiedades (terreos e naves), “pero parece ser que non son suficientes porque só cubrirían parte da débeda (2,1 millóns de euros)".

Neste senso, lembran que os traballadores/as xa non poden poñer máis da súa parte, “xa que fixemos todo o que nos pediron para salvar a empresa, como baixarnos o salario ou aceptar un ERE temporal e outro de extinción”.

Lamentan que sexa un organismo público estatal, o Fogasa, "o que estea a impedir a supervivencia da empresa e a súa saída do proceso concursal", polo que reclaman a intervención do secretario xeral do Fogasa, ao que acusan de “mirar para outro lado e de negárense a recibir a representación dos traballadores/as para intentar chegar a unha solución”. 

Facenda impugna o convenio

A esta problemática hai que sumar a impugnación do convenio de acredores por parte de Facenda, que solicitou unha aclaración sobre unha das cláusulas do texto, en concreto o artigo 8. Con todo, dende o comité amósanse convencidos de que se trata dunha dificultade “que se pode salvar”. Non así a cuestión do Fogasa, polo que lamentan “que sexa a propia Administración pública a que vaia a provocar o peche de Pórtico”.

Segundo denuncian, no caso de que se chegase a confirmar a liquidación da empresa “sería un negocio ruinoso para o propio Estado, que en lugar de 3,3 millóns de euros tería que pagar as indemnizacións doutros/as 181 traballadores/as que quedarían sen emprego (o que suporía uns 2,6 millóns máis).

Tamén lamentaron que a dirección xa lles teña comunicado que non van cobrar o salario do mes de maio nin a paga extra de xuño, ao que hai que sumar as nóminas pendentes. Diante disto, e tamén para reclamar unha solución que permita a supervivencia da empresa e dos seus postos de traballo, o cadro de persoal decidiu nunha asemblea celebrada nas instalacións de Mos convocar un calendario de mobilizacións que será elaborado nos vindeiros días polo comité.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta