A economía galega, en xaque pola guerra: "estao trastornando todo"

A Federación Galega de Comercio alerta do impacto do conflito ucraíno sobre a facturación das empresas. Subliñan que a suba de prezos rebaixará o poder adquisitivo de consumidores e comerciantes. O aceite de xirasol, primeira vítima do desabastecemento, achégase á fin das reservas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2022 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Comercio alertou dunha caída das vendas e da facturación, un descenso que considera máis notable desde que se iniciou a guerra en Ucraína a finais do mes pasado. O presidente da Federación, José María Seijas, asegura que a guerra está "a trastornar todo" xa que os problemas esténdense a outros sectores produtivos. "A falta de subministracións está a deixarse notar e isto provoca unha inflación que detectamos no mes de febreiro, cunha subida que hai anos non se producía", sinalou.

Na súa opinión, isto provocou que "o poder adquisitivo sexa menor por parte dos consumidores", un feito que se reflicte tamén no comercio". "Hai unha sucesión de acontecementos ultimamente que non nos deixan levantar cabeza", reflexionou. "Todo isto ocasiona que a inflación rebaixe, igualmente, o poder adquisitivo do comerciante coa subida dos prezos da enerxía e a necesidade de materias primas", incide.

O empresario lucense reparou en que "hai que ter en conta a subida da luz, no último ano ata un oitenta por cento, e os combustibles un 52 por cento". "Na alimentación subiron as pastas, o leite, o arroz, os cereais e o traballador ten que repartir o seu soldo e cada vez quédalle menos para gastar e isto reflíctese nas vendas e no comercio en que xa o percibimos tamén", concluíu.

Un grupo de persoas pasea polas rúas de Vigo.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Un grupo de persoas pasea polas rúas de Vigo.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press

ACEITE DE XIRASOL

Por outro lado, sector da distribución de Lugo, que se agrupa baixo o paraugas de Adislugo, informou que apenas conta xa con reservas de aceite de xirasol e avisan de futuros problemas cos cereais, todo iso derivado da guerra en Ucraína. O presidente de Adislugo, Eloy García, constatou que apenas poden comercializar "aceite de xirasol e aceite de fritidora", o que levou a que aumentasen "as cotas do aceite de oliva".

Do mesmo xeito, tamén advirte de que poden ter "problemas" cos cereais, aínda que puntualiza que, fóra destas mercadorías, "non" teñen máis inconvenientes de subministración. Do aceite de xirasol, Eloy García sinalou que se pode "contar con algún resto no almacén", lembrando que eles, "como asociación", xa avisaron os clientes "fai máis ou menos tres semanas, sobre que estaba bloqueado o porto de Odesa en canto ao embarque de aceite de xirasol para España".

Unha consecuencia adicional desta carencia é que este tipo de aceite viu como se incrementaba o seu prezo e pasou de estar o litro "a 1,50 a tres euros na actualidade". Outro problema co que se atopa a distribución é a folga no transporte de mercadorías. Sobre esta cuestión, García confesou que é un "problema tremendo" co que non se "contaba".

Con todo, entende as reivindicacións dos transportistas polo elevado prezo que pagan polo gasóleo, algo que tamén afecta á distribución. En relación a isto, hai dous meses "pedíuselle á Xunta que botase unha man", pero aínda están "á espera da súa resposta", afeou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta