Ollo á nova lei de tráfico: estas son as infraccións nas que se endurece a retirada de puntos

A modificación, que entra en vigor o luns 21, manterá as sancións económicas que xa estaban establecidas.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 18/03/2022 | Actualizada ás 13:02

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentou este venres as principais novidades da modificación da lei de tráfico que entra en vigor o vindeiro luns, día 21 de marzo, pola que se retiran máis puntos por usar o móbil, non poñer o cinto ou infrinxir a distancia con ciclistas.

Así, a normativa endurece a retirada de puntos do carné en infraccións como conducir co móbil na man --sobe de tres a seis--, non usar correctamente dispositivos de seguridade --de tres a catro-- ou infrinxir a distancia de seguridade cun ciclista --de catro a seis--. A modificación manterá as sancións económicas que xa estaban establecidas.

O acto de presentación tivo lugar en Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña, onde o delegado estivo acompañado da subdelegada de Goberno na provincia, María Rivas; a xefa provincial de Tráfico na Coruña e coordinadora da Dirección Xeral de Tráfico en Galicia, Vitoria Gómez; o tenente coronel xefe da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, Orentino Varela; e o director do Centro de Xestión de Tráfico, Ramiro Martínez.

José Miñones destacou que a lei se actualiza para "adaptarse á realidade", xa que os tempos cambian e a "forma de moverse" tamén. O delegado remarcou que o obxectivo é lograr unha mobilidade "máis segura, eficiente e respectuosa" con todos para "reducir ao máximo" a sinistralidade.

Neste sentido, o representante do Goberno informou de que no que vai de ano 19 persoas perderon a vida nas estradas galegas, "máis do dobre" que o mesmo período do ano anterior, cando se rexistraron nove falecidos. Miñones cualificou as cifras de "dramáticas" e que cada morte na estrada é un "fracaso" que avala a necesidade de "reforzar" as normas de tráfico e o seu cumprimento.

INHIBIDORES DE RADAR

A nova norma prohibe superar a velocidade da vía ao adiantar e penaliza a quen leven nos seus vehículos detectores ou inhibidores de radar, "estean ou non en uso", recalcou o delegado. Miñones pediu "precaución, responsabilidade e seguridade" a todos, tanto ao volante, ao manexar unha bicicleta ou ao camiñar á beira dunha estrada.

O ano pasado en Galicia case 99.000 condutores perderon puntos do carné, que se retirou por este motivo a 1.781 persoas. As causas da perda foron o exceso de velocidade, o consumo de alcol, o uso do teléfono móbil e non levar posto o cinto ou outros dispositivos de seguridade.

O delegado explicou durante o acto de presentación que a nova lei "reflicte" os cambios que se están producindo, incorporando os vehículos de mobilidade persoal e dotando de "maior seguridade" aos usuarios das bicicletas. Ademais, dáse cobertura legal á acreditación do permiso de conducir en soporte dixital.

Por outra banda, as catro xefaturas provinciais de Tráfico en Galicia ofrecen tamén como novidade, do mesmo xeito que o resto de España, a atención sen cita previa ás persoas maiores de 65 anos.

O delegado do Goberno, José Miñones, na presentación da Dirección Xeral de Tráfico na Coruña
O delegado do Goberno, José Miñones, na presentación da Dirección Xeral de Tráfico na Coruña | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta