Por Xurxo Salgado | Compostela | 05/06/2014 | Actualizada ás 08:00
O panorama político de esquerdas en Galicia está un pouco revolto logo das eleccións europeas. Coa aparición de Podemos atomizouse, aínda máis, o amplo abano de forzas esquerdistas e nacionalista que hai no país. A posibilidade de crear unha gran fronte ampla colle cada día que pasa máis forza, aínda que hai formacións que, sen embargo, estudan, camiñar por libre logo da experiencia de AGE.
Así, mentres que chegan novas forzas ao escenario político galego, como é o caso de Alternativa Socialista, outras forzas integradas en AGE, como EQU ou o Espazo Ecosocialista abriron un proceso de reflexión sobre o seu futuro nesta fronte ou a posibilidade de crear unha nova fronte máis ampla.
“É un espazo político de esquerda plural, no que teñen cabida todos os homes e mulleres de esquerdas que están dispostos a loitar para cambiar o actual marco de relacións sociais e políticas, circunscribíndoo a un marco socialista, federalista, ecosocialista, republicano e laico”. Este é o xeito que ten de presentarse Alternativa Socialista (CLI-AS), unha nova formación de esquerdas que xorde, principalmente, da banda máis esquerdista do PSOE.
Este novo partido presentarase este sábado en Galicia coa vontade de colaborar na formación dunha fronte ampla antineoliberal e de esquerdas, ao estilo do que AGE experimentou nas pasadas autonómicas. “Desexamos colaborar na reorganización política de todos os partidos ou grupos de esquerdas e pretendemos construír un instrumento participativo e inclusivo que sirva de ferramenta para que, especialmente as clases populares, a mocidade e, en xeral, as persoas máis vulnerables da sociedade, se organicen politicamente e actúen”, apunta nun comunicado.
De feito, a nova formación non renuncia as súas orixes socialistas e quere conectar con esa gran franxa da cidadanía que, sentíndose ideoloxicamente de esquerdas, “viuse defraudada nos últimos anos polo PSOE e foi perdendo a confianza na posibilidade de levar á práctica unha verdadeira política de esquerdas baseada nos valores tradicionais do socialismo democrático”.
Construíndo a Esquerda-Alternativa Socialista é un partido ecosocialista, federalista, laico e republicano de ámbito estatal que foma parte da rede de partidos ecosocialistas europeos, xunto con outros partidos como o Parti de Gauche francés, ou o movemento ecosocialista belga VEGA. Nas eleccións europeas Alternativa Socialista formou parte da candidatura da Esquerda Plural, xunto con Anova e IU, integrando ao seu co-primeiro secretario Carlos Martínez (expresidente de ATTAC España) no número 14 da lista.
Algunhas das posicións de Alternativa Socialista son a recuperación da soberanía alimentaria; implementar políticas para enfrontar o esgotamento dos combustibles fósiles (peak oil); auditar a débeda pública e non pagar a que non sexa lexítima, para o que asume a proposta de Alexis Tsipras de realizar unha conferencia europea sobre a débeda; rexeitamento do Tratado Transatlántico UE/EE.UU; proceso constituínte no estado que solvente tanto a forma de goberno (monarquía ou república) como o encaixe das distintas nacionalidades no Estado.
En Galicia o partido estase a conformar con algunha xente provinte da Esquerda Socialista e movementos sociais, tendo coma horizonte no curto prazo a creación de grupos de traballo nas distintas provincias para unha maior implantación no territorio, para o que desenvolverá unha campaña de presentación en distintas cidades a partires do outono. Actualmente o coordinador galego é Elías Pérez, que foi coordinador de Esquerda Socialista na provincia de Lugo.
Por outra banda, o Equipo Coordinador Nacional (ECN) de Espazo Ecosocialista reuniuse este mércores para analizar o resultado das eleccións europeas nas que considera que é necesario “resituarse” tras as eleccións europeas tendo en conta que Espazo, o mesmo AGE, “son instrumentos, e que o prioritario é como ser capaces de acertar para vertebrar a nova esquerda galega e non so medrar senón vencer”.
Por iso, esta formación someterá as súas asembleas comarcais dúas cuestións; a primeira é como AGE aborda “os retos pendentes de renovación, transparencia e participación que ten ido deixando aparcados polas urxencias”. E, a segunda, ligada a primeira, é como pode ser capaz o Espazo Ecosocialista de “construír unha esquerda galega e renovadora peza necesaria para construír unha alternativa nacional e democrática, plural e cooperativa, á dereita”.
Precisamente, estes argumentos son case os mesmos que someterá tamén a debate a dirección política de EQUO nos vindeiros días aínda que enriba da mesa tamén está a posibilidade de ambandonar AGE. EQUO, xunto con Espazo Ecosocialista, Anova e EU, formaron parte nas pasadas eleccións de Alternativa Galega de Esquerda. Sen embargo, nas Europeas, esta formación apoiou a lista de Primavera Europea, xunto con Compromís e a Chunta, entre outras, que tamén obtivo un escano en Bruxelas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.