Denuncian que un paciente estivo 30 horas en contención mecánica en Urxencias do CHUAC

O Movemento Galego de Saúde Mental alerta sobre unha práctica que xa foi criticada pola Fiscalía Xeral. A Xunta di que incrementou un 30% en dous anos o orzamento para prazas concertadas.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 29/03/2022 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

O Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM) volve denunciar un novo caso de vulneración dos dereitos dos usuarios da sanidade pública, neste caso, no Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC).

Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña
Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña | Fonte: @urg_CHUAC.

Así, critica que un usuario que acudiu ao Servizo de Urxencias, por clínica psiquiátrica, tivo que estar 30 horas en situación de contención mecánica o pasado martes 22 de marzo por falta de camas libres na unidade especializada. "O seu ingreso finalmente non se produce na UHP senón nunha unidade allea á indicación facultativa. Seis días despois coñecemos, segundo o relato que se nos achega, que se mantén de forma continuada a súa situación de contención mecánica, privado de liberdade de movementos, e tendo que ser auxiliado para a súa alimentación e coidados básicos", critica nun comunicado.

Así, lembra que non é esta a primeira vez que denuncia situacións no CHUAC que atentan contra dereitos e lembra que mantivo durante unha semana protestas para que fose clausurado o cuarto de contencións da unidade de hospitalización psiquiátrica. 

CRÍTICAS DA FISCALÍA XERAL 

Sobre a contención mecánica, o MGSM lembra que, en febreiro de 2022 a Fiscalía Xeral do Estado publicou unha Instrución co obxecto de reforzar as funcións de supervisión e comprobación do cumprimento das pautas esenciais que teñen que ser respectadas en todo caso na aplicación das contencións (que seguirán os principios básicos de coidado, excepcionalidade, necesidade apreciada por prescrición facultativa, proporcionalidade, provisionalidade e prohibición do exceso).

"A situación sobre a que temos coñecemento é absolutamente inadmisible: ao propio feito da utilización da contención mecánica (lesiva en si mesma) súmase a gravidade da súa duración continuada ao longo de días (indicio que non se está ante unha situación de perigo inminente) e a probable utilización de tal medida privativa de dereitos como compensación das carencias de dispositivo asistencial idóneo e recursos profesionais", denuncia.

Por iso, puxo en coñecemento público estes feitos, e moi particularmente á Xerencia da Área Sanitaria de A Coruña, co ánimo de que se realice a investigación oportuna.

XUNTA

 

Por outra banda, Sanidade destaca que os orzamentos da Xunta de Galicia para este ano reservan 8,1 millóns de euros para o financiamento de prazas concertadas con entidades de saúde mental, o que supón un incremento do 30% respecto a antes da posta en marcha do Plan de Saúde Mental, aprobado polo Executivo galego no verán de 2020 e con vixencia ata 2024.

 

Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña que sinalou que o obxectivo da Xunta para o 2024, cando finalice o plan, “é ter chegado aos 9,5 millóns de euros de investimento anual en prazas en pisos protexidos, centros residenciais e de rehabilitación psicosocial, o que suporá pasar das 1.200 prazas financiadas o ano pasado a superar as 1.500, é dicir un aumento do 25% en tres anos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta