"Gripalizar" o que non é gripe

“Como lles digo, mirando ao mar, non concordo con que agora todos os planetas se teñan posto en liña para que a data da relaxación suprema fronte ao Covid-19 sexa o día anterior ao Xoves Santo, como din por aí.”

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 07/04/2022

Comparte esta noticia
Temos contado aquí que confundir os desexos coa realidade é unha teima coa que os nosos representantes políticos, en xeral, semellan estar moi a gusto. É normal, porque as súas querenzas non deixan de ser unha mostra de como respira a sociedade enteira. E basta ver un pouco ao noso arredor para entender que, tanto en materia pandémica como en tantos outros campos, seguimos a mesturar iso mesmo, o que queremos, por unha parte, e o razoable, por outra. Non deixa isto de ser triste, polas súas consecuencias en termos de vidas humanas. Pero cando isto o fai quen ten responsabilidades institucionais é máis grave aínda, polo que supón para o conxunto da poboación. Iso xa non é só triste. É moi preocupante.
 
É por iso que son dos que se rebelan activamente contra as novas consignas no tocante á pandemia, que parecen aliñadas pola mesma estratexia pola que os nosos próceres apostan no eido educativo: dar un verniz, pero sen moito máis. No pandémico, decidindo xa que morreu o can e acabou a rabia, independentemente de como vaian as cousas. Na educación, facendo que se fai para que, ao final, o alumnado titule si ou si. O que che digo, un verniz...
 
Pero a realidade é teimuda. O SARS-CoV-2 segue a ser moito máis que un virus respiratorio, e mantense moita incerteza fronte á resposta individual ao patóxeno, seguramente relacionada coa xenética de cada quen, e que fai que algunhas persoas cheguen a pasalo realmente mal ou, desgraciadamente, falezan unha vez infectados. Polo de agora a situación é esa, a pesares de que os nosos desexos sexan outros.
 
Con todo, non deixa de ser perverso o forzar un determinado paradigma de actuación máis laxo fronte ao virus, como o contido na nova “estratexia de vixilancia e control da pandemia“,  aínda que as condicións para iso non sexan, nin de lonxe, as mellores. Non. Polo de agora, non. Non se pode "gripalizar" o que non é gripe. Fíxense nun dato: no momento no que máis persoas morren no país pola gripe, estamos a falar de no entorno de vinte persoas por día. Somos conscientes de que, no caso da Covid-19, esta cifra é, como mínimo, multiplicada por dez, e moitas veces por quince? Para min trátanse de números incompatibles co feito de que, desde a política, se lle quite importancia á cuestión e se fale, por enésima vez, do fin do túnel. Non. Podemos desexalo, claro que si, pero esa non é a situación agora, cos datos na man. A estatística canta.
 
Miren, unha correcta modelaxe da realidade ensínanos que non se pode persistir nunha liña de acción, esperando resultados distintos. E se o patóxeno segue activo, a proposta de relaxación absoluta das medidas profilácticas, e moi concretamente a retirada da máscara no interior implicará, queirámolo ou non, moita máis enfermidade. Isto é así e non é unha conclusión que teña que dimanar necesariamente do ámbito de coñecemento da Medicina, e moito menos do estamento clínico. Non, isto é a presentación dun problema complexo no que caben moitas máis perspectivas, a aplicación do método científico e a extracción de conclusións independentes do que conveña ou de cales sexan as nosas arelas. É o que hai.
 
Como lles digo, mirando ao mar, non concordo con que agora todos os planetas se teñan posto en liña para que a data da relaxación suprema fronte ao Covid-19 sexa o día anterior ao Xoves Santo, como din por aí. O que hai agochado en decisións dese calibre é a orde implícita de que aquí se contaxie todo o mundo, que aqueles que teñan que ir para o outro barrio o fagan e, desta forma, pintar de normalidade outro novo despropósito na xestión da saúde de todos. Poderá ser moi tentador, claro que si, pero nin me parece ético nin acertado. Por que? Porque tales cousas se fixeron xa para “salvar” non sei cantos fitos do noso calendario, e todos saíron mal. E é que á Natureza, en xeral, pouco lle importan as nosas inquedanzas, e o contaxio masivo sempre leva aparellada unha moito maior capacidade de recombinación ou mudanza do virus, con cambios de tendencia non previstos e maior presión asistencial e impacto no sistema global de saúde. Iso e... moitos mortos que poderían terse evitado.
 
Creo que temos que seguir sendo prudentes, esperar a ter normalizada a administración deses tratamentos que empezan a chegar, e que son unha esperanza para a abordaxe terapéutica da enfermidade causada polo virus, e non volver lanzar as campás ao voo simplemente porque toca, por cansazo ou por estratexia política ou económica, máis aló da ciencia. Porque, claro, logo volver atrás é sempre menos doado, e doe moito máis...
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”
 

Cativos con máscaras para protexerse contra a covid-19 no concello da Laracha, A Coruña
Cativos con máscaras para protexerse contra a covid-19 no concello da Laracha, A Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.