"A cara B da Limia", como se creou un Mar Menor de cianobacterias no corazón de Ourense

Unha mesa redonda analiza a evolución das autorizacións para novas instalacións ou ampliacións de macrogranxas.

Por Galicia Confidencial | Verin | 25/04/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Ecoloxistas en Acción Ourense presentou o documental “A cara B da Limia” na mesa redonda “Gandería e sostibilidade” celebrada o pasado venres no campus de Ourense. Ao encontro achegáronse máis de medio centenar de persoas para escoitar aos ponentes falar sobre o deterioro ambiental que provoca a gandería intensiva.

Contaminación por cianobacterias do río Limia
Contaminación por cianobacterias do río Limia | Fonte: Ourense Dixital

O documental presentado por Ecoloxistas en Acción Ourense durante a mesa redonda recolle declaracións testemuñais das veciñas e veciños que atopan na ineficacia das administracións e no despropósito empresarial do sector gandeiro unha merma da sostibilidade. 

 

Na reportaxe lembran que cando no ano 2011 prodúcese a primeira gran explosión evidente de cianobacterias, ninguén en Galicia daba explicacións, nin as autoridades políticas nin as científicas. Foi Eduardo Costas, catedrático de Xenética na Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid quen fixo unha análise de isótopos estables de nitróxeno e fósforo para evidenciar os resultados da contaminación do encoro asesorando á plataforma Auga Limpa XA.

 

“Levamos 11 anos de inoperancia. Silenciados polos medios de comunicación e procurando obtér informes e documentos aos que é complicado acceder. Non hai actuación de oficio por parte da Fiscalía ante unha situación que se asemella ao acontecido recentemente no mar Menor” denuncia un dos veciños que intervén no documental. Ademais apúntase que o SEPRONA non ten operativos suficientes para atender a todas as denuncias que se producen no momento no que unha cisterna cisca o xurro por terras da Limia, agora tamén van a terras de Maceda e de Allariz.

 

Ecoloxistas en Acción denuncia que “a sociedade civil está farta de aturar as evidencias, de seren desatendidas, da asfixia do poder político ao rural. Temos parte de responsabilidade cun papel activo de protesta e mobilización pero, desde logo, a situación da Limia e do encoro das Conchas non é culpa da sociedade”.

 

COLOQUIO

Por outra banda, no coloquio participaron Samuel Formoso (gandeiro en extensivo e membro do SLG), Carlos Rodríguez (investigador científico e membro da Plataforma Auga Limpa XA) e Isabel Fernández (responsable da campaña de Ecoloxistas en Acción “Os rostros da soia”). A mesa foi presentada pola xornalista Xiana Cid. No acto tamén se presentou o informe “Coa soia ao pescozo” dentro da campaña “Os rostros da soia” que leva a cabo Ecoloxistas en Acción

Os ponentes do faladoiro subliñaron que pese ao grave da situación, a Xunta de Galicia, co "silencio cómplice" da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, seguiu concedendo autorizacións para novas instalacións ou ampliacións. "Isto abocou á terra limiá a un absoluto despropósito ambiental que conleva un gran problema de saúde pública cos pozos particulares e acuíferos contaminados", sinala Ecoloxistas en Acción.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta