Por E.P. | A CORUÑA | 16/05/2022 | Actualizada ás 19:03
A Marea Atlántica reclamou ao goberno local que comece "canto antes" a posta en marcha do programa 'Mover os Baixos', incluído nos Orzamentos 2022 a instancias do partido instrumental, "e pensado para recuperar os locais comerciais sen uso nos barrios da Coruña e dinamizar os servizos de proximidade".
Do programa, afirma que está dotado con tres millóns de euros e inclúe liñas de axuda para o aluguer e a compra de locais por parte do Concello, "pero aínda non comezou a executarse", lamenta.
Por outra banda, sinala que o mapa interactivo do Concello "localiza, polo menos, 451 baixos baleiros na cidade da Coruña, a maioría repartidos entre o Agra do Orzán, Ventorrillo, Os Mallos e Monte Alto".
"É unha cifra que mostra unha mellora con respecto ao ano pasado, pero que segue requirindo atención por parte das institucións públicas", sinala a portavoz da Marea Atlántica, María García, para quen "cada local sen uso significa menos emprego, menos servizos nos barios e deterioración do espazo público".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.