Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2022 | Actualizada ás 14:21
Saiulle mal o tiro a Alfonso Rueda cando dixo que a visita de Juan Carlos I a Sanxenxo poñía Galicia no mapa. O xa presidente da Xunta está a recibir multitude de contestacións de dirixentes políticos galegos e do resto do Estado nun momento en que se volve reavivar o debate sobre a coroa, se ben a meirande parte dos responsables públicos eluden falar directamente de formas de goberno alternativas.
Da banda de Galicia, Ana Pontón, cualificou como "politicamente inaceptable" que o presidente da Xunta considere que a visita a Sanxenxo do rei "fuxido" é "motivo de prestixio" para Galicia e replicoulle que "o que sitúa a Galicia son os galegos e galegas, que non teñen contas B en Suíza".
"É politicamente intolerable", xulgou Pontón, quen se dirixiu a Rueda para aclararlle que "os galegos co seu traballo e honestidade, os galegos que non teñen contas B en Suíza e que pagan relixiosamente os seus impostos" son os que "colocan" a Galicia no mapa. Para Pontón, "dicir que un rei fuxido dá prestixio a Galicia é unha ofensa á xente deste país" e "desacredita" a quen o di, "demostrando que o señor Roda non está á altura da súa responsabilidade".
A líder nacionalista considera, ademais, que a monarquía é unha institución "obsoleta" e "impropia" dunha democracia avanzada na que "todos deben ser iguais ante a lei". Neste sentido, denunciou "a alianza PP-PSOE" para "vetar calquera tipo de investigación" da Casa Real, en particular de emérito, "a pesar de todos os escándalos dos últimos tempos".
"BRANQUEAR" Á MONARQUÍA
Pola contra, recalca Pontón, "utilizan toda a maquinaria estatal para branquear a monarquía", e en particular á Fiscalía, "empregándose a fondo, dando trato de favor ante feitos que son moi graves". Mentres, "calquera cidadán que incorra en irregularidades no ámbito fiscal, tería un control implacable". "Aquí estamos ante unha dobre vara de medir: para a cidadanía da rúa, man de ferro, pero trato de favor co rei emérito nun intento descarado por blanquear unha monarquía chea de sombras, desprestixiada e que fai augas por todas partes", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.