O novo parking do Hospital Naval de Ferrol terá 20 puntos de recarga para vehículos eléctricos

As obras suporán a creación de 266 novas prazas de estacionamento tras un investimento de 662.000 euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2022 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou que o novo aparcadoiro do Hospital Naval de Ferrol contará con "vinte puntos de recarga para vehículos eléctricos" que se instalarán na zona de estacionamento que se executa nas proximidades deste centro hospitalario.

A actuación conta cun investimento da Xunta de 662.000 euros e suporá a creación de 266 novas prazas de estacionamento, das cales oito delas serán para persoas con mobilidade reducida. Así o avanzou este martes a conselleira de Infraestruturas durante unha visita á zona, na que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

A integrante do Goberno galego detallou que "se habilitarán tres novas zonas de estacionamento: unha no norte, contigua ao actual aparcadoiro; outra no sur; e unha última na marxe esquerda do viario perimetral".

NOVO VIARIO PARA AMBULANCIAS

Ademais das novas zonas de parking, executarase un novo viario de acceso de uso exclusivo para ambulancias, para facilitar os seus movementos, xa que o percorrido circulatorio interno dos vehículos no recinto causa interferencias que prexudican a axilidade requirida para este servizo.

Ethel Vázquez detallou que actualmente as obras están na súa fase inicial, centradas na preparación do terreo, coa roza e retirada da vexetación e que o obxectivo é traballar, na seguinte fase, xa de forma simultánea tanto ao norte como ao sur do hospital.

Hospital Naval de Ferrol
Hospital Naval de Ferrol | Fonte: paxinas galegas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta