O CIFP Ferrolterra ofrecerá un novo ciclo de FP dual de Tratamento de augas

Contará cunha ducia de prazas e realizarase coa colaboración de cinco empresas do sector.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2022 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O CIFP Ferrolterra, no barrio ferrolán de Recimil, ofrecerá o próximo curso un novo ciclo da FP dual de Tratamento de augas, reservado a 12 persoas e que conta coa colaboración de cinco empresas deste sector. A presentación desta iniciativa tivo lugar no mediodía deste luns, 6 de xuño, nas propias instalacións educativas, onde se deron cita o director xeral de FP, José Luís Mira, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o director deste centro, Enrique Pazo.

Precisamente, Pazo detallou que este ciclo xurdiu da necesidade das empresas para poder engadir aos seus cadros de persoal traballadores cualificados. Cinco delas uníronse para pór en marcha esta formación: Emafesa, Cosma, Viaqua, Intacta e Foncafer.

Esta formación "só a había en Santiago e supón a implementación dun ciclo con moito futuro". "Sabemos que tanto as enerxías renovables como a auga van ser un ben moi importante á hora de coidar o Medio Ambiente", asegura. A formación de alumnado desenvolverase ao longo de dous cursos. "Unha das cousas boas da FP dual é que a maioría dos estudantes que comezan acaban no persoal das empresas", afirmou Pazo.

MATRÍCULA

O director do CIFP Ferrolterra detallou que, para poder cursar estes estudos, "hai que ter a ESO ou equivalente, é dicir, o mesmo nivel, ou a FP básica". "A mediados de xuño sairá a oferta educativa de toda Galicia e unhas datas de inscrición, de tres ou catro días, posteriormente as empresas marcarán os requisitos de selección e todos os que pasen poderán facer a matrícula a partir do 15 de xullo", explica.

Pazo tamén destacou que con esta nova formación de Tratamento de augas o centro ferrolán ofertará "ata oito propostas de FP dual, cun total de 14 grupos", de forma que: "Máis do 20% do noso alumnado vai realizar este tipo de formación, dun total duns 1.200 alumnos por curso, con estudantes moi motivados e empresas con necesidades en determinados postos de traballo".

CIFP de Ferrolterra
CIFP de Ferrolterra | Fonte: Páxinas Galegas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta