Pontón leva a Ourense o seu plan para paliar a crise de prezos ante un PP "cruzado de brazos"

"Son as medidas que fariamos se gobernamos", afirma.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2022 | Actualizada ás 20:46

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, levou a Ourense este mércores o seu plan para paliar a crise de prezos, dotado con 700 millóns de euros, e que está formado por axudas e impulso de liquidez a familias máis desfavorecidas e empresas, xunto con medidas para os concellos. "Son as medidas que fariamos se gobernamos", afirmou.

Este acto enmárcase na campaña que desenvolve a formación nacionalista por toda Galicia baixo o lema 'Os prezos soben, os teus cartos baixan', na que Pontón aproveitou para explicar as propostas para paliar os efectos "da espiral inflacionista" que sitúa o IPC ao bordo dos dous díxitos, con cifras que non se lembran nos últimos 40 anos.

Nun acto no que tamén participou o portavoz municipal, Luís Seara, a líder do BNG destacou que a "peor crise de prezos en catro décadas, require medidas urxentes". Por iso, o BNG presenta "un plan de choque" para mobilizar 700 millóns de euros destinados a paliar os efectos dunha inflación "descontrolada".

"Son as medidas que tomaría un goberno do BNG ante a subida de prezos que está a afogar ás familias, á clase traballadora e ás empresas", subliñou a portavoz nacional, "en contraposición á parálise dun goberno do PP que non ten alternativas ante o impacto da escalada de prezos", máis aló da "receita fracasada de baixar impostos".

Pontón detallou as principais propostas dese plan, que inclúe un fondo de rescate social por importe de 90 millóns para axudar os colectivos máis desfavorecidos, con medidas como incrementar o complemento autonómico das pensións non contributivas ou mellorar as prestacións da Risga, xunto con axudas para sufragar os gastos de vivenda.

A segunda gran liña de actuación é un fondo de rescate económico dotado con 175 millóns de euros destinados aos sectores produtivos e ás pemes, con medidas como un programa para incentivar o consumo no comercio local e a hostalaría, e 40 millóns de euros para o sector primario, tanto agrogandeiro como pesqueiro.

PLAN DE INVESTIMENTOS E FONDO DE LIQUIDEZ

O plan de choque inclúe como terceira medida un plan de investimentos extraordinario en obra pública, centrado en vivenda, transición enerxética e transición dixital, que sexa capaz de mobilizar 325 millóns de euros. En cuarto lugar, sitúa un fondo de 35 millóns de euros aos concellos ara compensar a subida na luz.

Finalmente, o plan incorpora un fondo de liquidez de 75 millóns de euros para facilitar liñas de financiamento e avais ás pequenas e medianas empresas. A líder do BNG avanza que está a traballar en medidas a lorgo prazo, de carácter estrutural. "O que non podemos é ter un goberno do PP cruzado de brazos, urxe tomar medidas para frear o empobrecemento da maioría social", concluíu a líder nacionalista.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, intervén tras a súa primeira reunión co presidente da Generalitat, Pere Aragonés, no Palau da Generalitat, a 26 de maio de 2022, en Barcelona, Cataluña (España). O encontro ten como obxectivo abordar. David Zorrakino - Europa Press
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, intervén tras a súa primeira reunión co presidente da Generalitat, Pere Aragonés, no Palau da Generalitat, a 26 de maio de 2022, en Barcelona, Cataluña (España). O encontro ten como obxectivo abordar. David Zorrakino - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta