O TSXG reitera necesidade de introducir as gardas de 24 horas en Vigo e A Coruña

Así llo fixo saber á Xunta insistindo no seu apoio á proposta dos xuíces e xuízas de instrución da Coruña e Vigo, quen nas xuntas sectoriais que mantiveron esta semana incidiron na súa petición.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2022 | Actualizada ás 19:39

Comparte esta noticia

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volto pedir á Xunta que, "o máis axiña posible", destine o orzamento necesario para a implementación do servizo de gardas de 24 horas nos partidos xudiciais da Coruña e Vigo.

Así o acordou a sala nunha reunión mantida este xoves e da que informou o TSXG nun comunicado. A petición prodúcese despois de que na xornada do mércores o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, descartase a implantación destas gardas ao asegurar que "non hai necesidade de establecer este sistema" e que o actual "é o apropiado".

No comunicado remitido este xoves, o alto tribunal galego destacou que a finalidade da iniciativa é "dotar á cidadanía dun mellor servizo público". Ademais, lembrou que o Ministerio de Xustiza xa incluíu nos seus orzamentos deste ano a partida necesaria para levar a cabo a medida, que só está pendientede a dotación económica da Xunta.

Desta forma, reiterou o seu apoio á proposta dos xuíces e xuízas de instrución da Coruña e Vigo, quen nas xuntas sectoriais que mantiveron esta semana incidiron na súa petición.

A Sala de Goberno xa informara en xuño de 2019 de forma favorable á posta en marcha deste sistema de quendas e, en abril e setembro de 2021, así como en febreiro deste ano, volveu demandar a habilitación das partidas orzamentarias necesarias para implementar as gardas de 24 horas.

O alto tribunal galego, por tanto, volve solicitar que se execute o acordo da Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) adoptado o 8 de abril de 2021, que foi favorable á posta en marcha das novas quendas na Coruña e Vigo.

Os membros da carreira xudicial subliñan que a implementación do sistema é "imprescindible para garantir un servizo público moderno, áxil e eficaz", á vez que indican que a súa necesidade tamén está xustificada por "a tendencia á alza dos índices de criminalidade e a necesidade de atender ás peculiaridadesde os delitos relacionados coa violencia de xénero". Ademais, lembraron que a iniciativa conta co apoio do persoal funcionario e forense, así como de avogacía e procura.

A CSIF TAMÉN PIDE A IMPLEMENTACIÓN

Noutro comunicado remitido aos medios, a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) pediu ao conselleiro de Xustiza, Diego Calvo, que rectifique as súas declaracións e aclare se é que posúe unha información diferente á do Ministerio ou á do CGPJ, que emitiron informes favorables á súa dotación.

O sindicato lamenta a "ousadía" de Diego Calvo ao manifestar que "non hai presión de asuntos nos xulgados" que xustifique a substitución do sistema actual de gardas semanais e acúsao de demostrar un gran descoñecemento da materia da que se fixo cargo.

"Non é de recibo que un membro do Goberno descoñeza ata este punto a realidade do posto que ocupa, salvo que este tipo de declaracións sexan unha nova manobra para buscar escusas e demorar a implantación dun servizo demandado por todos os axentes sociais implicados e a cidadanía desde hai máis de dous anos", subliña.

Sede do TSXG
Sede do TSXG | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta