Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2022 | Actualizada ás 14:33
'Gañarmos o futuro. A nova Galiza en marcha'. Este é o lema co que o BNG animará a toda a cidadanía a mobilizarse o próximo 25 de xullo, "Día da Patria", co obxectivo de reclamar unha saída "xusta, galega e social" á crise inflacionista e demostrar que "o cambio político está en marcha" en Galicia.
A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, foi a encargada de desvelar este luns en rolda de prensa a campaña que a formación nacionalista levará durante as próximas semanas "ás vilas e cidades do país". Será unha axenda que concluirá o propio día 25 coa habitual manifestación que sairá ás 12,00 do mediodía da Alameda de Santiago e que concluirá en Praza da Quintana.
"Este 25 de xullo non é un ano máis, non é un día máis. Este 25 de xullo é significativo pola situación económica e social que nos ocupa e preocupa, e tamén por unha situación de cambio político en Galicia que vai deixar sentirse nas eleccións municipais do ano que vén", detallou a tamén líder da oposición.
Neste contexto de crise, a portavoz nacional reivindicou que o Bloque está "a traballar intensamente a nivel social e institucional" para poñer encima da mesa "medidas serias e solventes" que impacten na "economía real", na que situou a traballadores, familias, colectivo autónomo e pequenas e medianas empresas (pemes).
En definitiva, engadiu Pontón, pór en marcha "as transformacións que permitan que esta crise non a paguen os de sempre". "Esas son, para o BNG, as prioridades deste momento", destacou.
OS "PARCHES" DE XUNTA E GOBERNO
Así, aproveitou para criticar que nin a Xunta nin o Goberno estatal "están a dar solucións", xa que "no mellor dos casos hai parches" e "falta valentía". En referencia ao presidente galego, Alfonso Rueda, cualificouno de "insustancial", porque "o único" que fai é pór "excursas"; e, no caso do Executivo de Pedro Sánchez, lamentou que "priorice o gasto militar sobre os servizos públicos e as políticas de recuperación económica".
Ante este panorama, Ana Pontón dirixiuse á cidadanía galega para sinalarlles que "o BNG é a forza política da maioría" e un "espazo de ilusión e esperanza". Estas son as ideas que os nacionalistas tratarán de comunicar nun "Día dA Patria" para o que chaman á mobilización de "todas as persoas que levan Galicia na cabeza e no corazón" e que "saben que outra Galicia é posible".
"O BNG somos a ferramenta dese cambio. Estamos ao servizo de Galicia, estamos para pór en marcha un cambio galego coa convicción de seguir sumando máis galegos e galegas", insistiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.