Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2022 | Actualizada ás 14:28
Respectar as zonas de cultivo de bivalvo, empregar protectores solares non prexudiciais para o medio mariño ou evitar deixar lixo nas praias son algúns dos obxectivos do programa presentado este domingo pola Obra Social de Abanca, na illa da Toxa, baixo a lema 'Goza da praia sen deixar pegada'.
A campaña informativa busca sensibilizar aos turistas que visitan as praias galegas da necesidade de compatibilizar un uso recreativo dos areais coas actividades socioeconómicas que levan a cabo nestes espazos naturais, como é o caso do marisqueo.
A campaña, que conta coa colaboración dos concellos do Grove, da llla de Arousa e de Vilagarcía de Arousa, da Asociación de Mariscadoras de Carril e das confrarías de pescadores de San Martiño do Grove e de San Xulián da Illa de Arousa, desenvolverase ao longo de todo o verán en diferentes areais destes concellos, como a praia de Covadelo na illa da Toxa, a praia de Xastellas na Illa de Arousa, ou a praia de Compostela, en Vilagarcía de Arousa.
Unha exposición itinerante ao aire libre, valos publicitarios, autobuses e outros soportes publicitarios, así como diferentes vinilos instalados nas propias oficinas de Abanca dos mencionados concellos, servirán para difundir esta campaña.
A exposición, ao pé das praias, permanecerá na illa da Toxa entre o 13 de xullo e 1 de agosto, día no que se trasladará ao Carreirón, na Illa de Arousa, onde quedará ata o 13 dese mesmo mes. Finalmente, trasladarase ata a praia de Compostela, en Vilagarcía de Arousa, onde se poderá contemplar ata o 12 de setembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.