Descobren na Illa de Cortegada unha especie de fungos única no mundo

Pertence a un xénero propio do hemisferio sur e dos trópicos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/07/2022 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

Investigadores descubriron na Illa de Cortegada unha nova especie de fungos --physalacria auricularioides-- única no mundo e que se localiza por primeira vez neste lugar. Segundo informou a USC, o xénero ao que pertence Physalacria inclúe máis de 40 especies coñecidas, case todas elas saprofitas --que se alimentan de materia en descomposición-- e localizadas no hemisferio sur e nos trópicos.

Tal e como explica o investigador da USC Saúl de la Peña-Lastra, un dos responsables deste achado, "crese que as especies que se atopan no hemisferio norte foron introducidas alí xunto coas súas plantas hóspedes".

Nova especie de fungo localizada na illa de Cortegada
Nova especie de fungo localizada na illa de Cortegada | Fonte: Universidade de Santiago.

Ata agora, a ph. stilboidea (especie hóspede Griselinia littoralis) e a ph. cryptomeriae (especie hóspede Cryptomeria japonica), eran as únicas especies de physalacria coñecidas en Europa. Esta nova especie é difícil de atopar debido ao seu reducido tamaño e á súa cor pouca destacable. Ademais, crece e aliméntase sobre as puntas das ramas mortas de castiñeiros.

A USC lembrou que a illa de Cortegada presenta "unhas condicións ambientais, forestais e históricas que fan que sexa un enclave especial, non só en Galicia, senón en España e en Europa", sendo "especialmente destacable a presenza dunha laurisilva de gran importancia ecolóxica".

Nunha superficie tan pequena localizáronse ata a data máis de 800 especies de cogomelos, estando o seu estudo aínda en curso (estímanse máis de 1.000 especies). Os xabaríns son neste lugar o inimigo principal dos fungos, debido a que non se limitan a comer os corpos frutíferos (cogomelos) senón que tamén destrúen e consomen o micelio, deixándoo en contacto co aire.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta