Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2022 | Actualizada ás 13:28
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclamou ao Goberno planificar "entre todos" un plan de aforro enerxético e sumouse á petición feita polo presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, para a convocatoria dunha Conferencia de Presidentes.
A preguntas dos xornalistas, nun acto en Bergondo, Rueda congratulouse pola "rectificación" do Executivo central tras a convocatoria este luns da Conferencia Sectorial de Enerxía, con presenza dos máximos responsables autonómicos nas áreas de Enerxía, Turismo e Comercio, tras a aprobación en Consello de Ministros do plan de aforro enerxético.
Cuestionado polas críticas realizadas pola presidenta da Comunidade de Madrid ao citado plan, dixo que tanto ela como outros presidentes e presidentas autonómicos expuxeron "moitas das cousas" que dixo Isabel Díaz Ayuso. "Non se nos consultou e había medidas francamente difíciles de entender, tal e como están redactadas, e de poder aplicalas", insistiu o presidente da Xunta, quen se mostrou confiado en que na reunión deste luns "se aclaren moitas cousas".
PARTIDO
O PPdeG considera unha "boa noticia" a convocatoria deste luns da Conferencia Sectorial de Enerxía entre o Goberno central e as comunidades autónomas, aínda que é unha reunión que "se tería que ter mantido manter hai moitas semanas, antes de anunciar" as medidas de aforro. Nada parecido ao que dixo o domingo a Xunta, que criticou duramente o encontro por "improvisación".
"Vanme permitir que non faga sangue deste tema, porque cando un acerta hai que aplaudilo. A pena é que este Goberno só acerta cando rectifica", lamentou o viceportavoz parlamentario do PPdeG Alberto Pazos, nunha rolda de prensa ofrecida este luns.
O popular dixo desexar que esta Conferencia Sectorial vaia acompañada "do debido talante de diálogo" por parte do Estado para paliar os "defectos" do decreto das medidas de aforro e atope unha "senda de entendemento común entre todas as administracións" e con "medidas serias".
Segundo Pazos, o plan de restricións ao consumo anunciado a semana pasada aprobouse "tarde, mal e arrastro", dadas as "serias dúbidas" que existen "desde Galicia e outras partes de España". Deben ser medidas "serias" fronte a un problema que "non se soluciona con catro xeneralidades", engadiu.
19 E 27 GRAOS
Ademais, o viceportavoz do PPdeG no Parlamento galego criticou que as pautas a seguir, como a limitación a 27 graos do aire acondicionado e a 19 da calefacción, se anunciase iguais para "todos os sectores, sexan cal sexan as súas especialidades, ou a calquera punto da xeografía española" sen ter en conta que non é o mesmo Galicia que "o Levante, Andalucía ou o centro da Meseta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.