Primeira gran denuncia contra a Xunta este verán por "sobrecarga de traballo" na Atención Primaria

Sanidade remítese á normativa que estenderá a provisión por concurso de méritos a prazas de difícil cobertura. SOS Sanidade Pública de Galicia comezou a recollida de firmas para levar ao Parlamento unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para "salvar" a Atención Primaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A organización médica O'Mega, sindicato maioritario no sector, presentou contra a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde (Sergas), ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), unha demanda de conflito colectivo "pola situación laboral que sofren os facultativos da sanidade pública galega", informan.

Nun comunicado, denuncian que "cada médico de Atención Primaria do Sergas atende diariamente unha media de 70 pacientes -con picos no verán de ata 80 en zonas turísticas-, o que supón o dobre do establecido na normativa deseñada pola propia Xunta en 2021 para garantir unha asistencia sanitaria de calidade, que establece entre 32 e 40 pacientes o número máximo de consultas que debería realizar un médico en cada xornada laboral".

Na demanda, o sindicato advirte dos "prexuízos que se derivan, tanto para o persoal médico, onde a sobrecarga de traballo implica que se multipliquen as incapacidades laborais e o risco de emitir un diagnóstico erróneo, como para os usuarios da sanidade pública, que non reciben unha asistencia de calidade acorde cos estándares deseñados polo propio Goberno galego".

O sindicato denuncia a "vulneración" por parte do Sergas "dos dereitos fundamentais de médicos e pacientes" porque, ao seu xuízo, "a actual situación da sanidade galega vulnera o artigo 43 da Constitución, que recoñece o dereito á saúde, e infrinxe tamén o artigo 15 da Carta Magna, que protexe a integridade física e psíquica dos españois".

"INASUMIBLE CARGA LABORAL"

"A actual situación laboral do persoal facultativo adscrito á Atención Primaria de Galicia --sinala O'Mega na súa demanda-- pode definirse como a dunha inasumible carga laboral xeradora de dúas consecuencias prexudiciais fundamentais".

"A primeira, unha grave afectación de gran parte do persoal médico obrigado a traballar nesta situación de sobrecarga laboral que dá lugar a unha sistemática fervenza de procedementos de incapacidade laboral transitoria con procesos de carácter eminentemente psíquicos, pero tamén físicos", apunta.

A iso, engade as consecuencias para o enfermo "porque as excesivas e sobrecargadas axendas de pacientes impiden unha adecuada atención médica ante a inexistencia de tempos minimamente efectivos para poder efectuar, en gran parte dos casos, o correspondente estudo médico, diagnóstico e tratamento".

Na súa demanda, O'Mega indica que as axendas programadas tamén inclúen visitas a domicilio, reunións clínicas, actos de investigación e urxencias. Así mesmo, denuncia "os incumprimentos en materia de seguridade laboral", que atribúe ao Sergas nunha denuncia ante a Inspección de Traballo de Pontevedra.

Concentración de persoal médico e de pediatría de Atención Primaria no Centro de Saúde de Rosalía de Castro, en Vigo. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS
Concentración de persoal médico e de pediatría de Atención Primaria no Centro de Saúde de Rosalía de Castro, en Vigo. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

SOS SANIDADE

Por outra banda, a plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia comezou a recollida de firmas para levar ao Parlamento unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para "salvar" a Atención Primaria, que se atopa nun "estado de urxencia, resultado da redución de persoal e do orzamento por parte da Consellería de Sanidade".

Así o manifestou o portavoz da plataforma, Manuel Martín, este martes na primeira mesa de firmas colocada na Praza do Toural, en Santiago. Alí, Martín indicou que o proceso durará catro meses e terá lugar en toda Galicia, nos diferentes centros sanitarios das localidades galegas.

Doutra banda, o portavoz sinalou que a crise da Atención Primaria xerará un acceso restrinxido e un aumento das listas de espera. Ademais, detallou que o "maior favorecido será o sector privado, que poderá actuar con diñeiro público". "Os ambulatorios prestarán atención en condicións indignas", advertiu o portavoz de SOS Sanidade Pública. Tamén explicou que na maioría de centros desapareceu a promoción, prevención, rehabilitación e traballo comunitario.

CONTRATACIÓN DE PERSOAL, SEGUNDO A Xunta

Pola súa banda, en resposta a Europa Press despois de que o 'Faro de Vigo' alertase da falta de psicólogos para cubrir vacantes, a Consellería de Sanidade insistiu en que impulsou "a tramitación da normativa que estenderá a provisión por concurso de méritos ás prazas de difícil cobertura en Atención Primaria, hospitais comarcais e saúde mental".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Con 3 anos de RETRASO, agora veremos como actúa a Fiscalía ! Dignidade Atención Primaria https://youtu.be/e85k0DfROJk // 27-12-2018