Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 11/08/2022 | Actualizada ás 17:08
O Concello de Poio abre as visitas á Illa de Tambo para que a cidadanía poida coñecer este enclave insular na ría de Pontevedra que contén un patrimonio cultural e natural "que é necesario protexer e preservar". Segundo os concelleiros Silvia Díaz e Gregorio Agías, as visitas a Tambo realizaranse en grupos limitados, acompañados por guía e accedendo unicamente polo peirao.
Para a visita será necesario contar cunha autorización de acceso que se consegue a través da páxina web municipal e en turismodepoio.gal e ademais deberá contarse con billete das navieiras que realizan viaxes organizadas desde o Porto de Combarro: Mar de Ons e Pelegrín. O prezo do billete para un adulto é de 12,5 euros.
Para reducir o posible impacto negativo na illa, as visitas regulares realízanse en grupos organizados de 50 persoas con guía acompañante, en catro quendas por día. A duración da visita é de case tres horas.ç
Ademais, en datas distintas ás visitas regulares, o Concello poderá autorizar o acceso a asociacións e colectivos que o soliciten, organizadas en grupos de 50 persoas que deberán contar con guía acompañante e seguro de responsabilidade civil para a actividade.
As persoas que visiten Tambo deberán seguir en todo momento o itinerario establecido, respectando as instrucións do guía, persoal de seguridade e demais persoal baixo as directrices do Concello de Poio.
Lembran que hai que ter en conta que a illa non dispón de baños públicos nin de servizos médicos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.