Galicia alcanza os 95 casos de varíola do mono e o Estado supera os 6.000

178 persoas necesitaron hospitalización, segundo o Ministerio de Sanidade.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 22/08/2022 | Actualizada ás 11:10

Comparte esta noticia

España alcanzou os 6.119 casos confirmados de varíola do mono, 327 máis que o martes pasado, segundo os datos a 19 de agosto da Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica (RENAVE), coordinada polo Ministerio de Sanidade.

Por comunidades autónomas, Madrid lidera a lista con 2.216, por diante de Cataluña (1.825). Por baixo de 1.000 casos notificados atópanse o resto de comunidades autónomas: Andalucía (739), Comunidade Valenciana (405), País Vasco (188), Baleares (169) e Canarias (144). Por baixo de 100 están Galicia (95), Aragón (61), Castela e León (57), Asturias (55), Castela-A Mancha (44), Murcia (42), Estremadura (30), Cantabria (29), Navarra (16), A Rioxa (4), Ceuta (0) e Melilla (0).

Dos casos notificados, un total de 6.009 son homes e 110 son mulleres. A idade oscila entre 10 meses e 88 anos, cunha mediana de idade de 37 anos. Dos 5.768 casos nos que se ten información, o primeiro caso notificado iniciou síntomas o 26 de abril e o último o 16 de agosto. Ata 4.585 de 6.119 casos con información dispoñible eran homes que manteñen sexo con homes (75%).

Sanidade explica que existe un atraso entre a data de inicio de síntomas e a data de confirmación diagnóstica, cunha mediana de 6 días, así como un atraso na notificación de casos, polo que "a interpretación dos últimos días da curva epidémica debe facerse con prudencia".

Os casos con información clínica presentaron principalmente exantema anoxenital (59%), febre (54,4%), exantema noutras localizacións (non anoxenital nin oral-bucal) (52,1%) e linfadenopatías (50,8%). Un total de 286 casos dos 4.406 con información (6,5%) presentaron complicacións ao longo do seu proceso clínico. As máis frecuentes foron as úlceras bucais e as infeccións bacterianas secundarias.

Dos 5.463 casos con información dispoñible, 178 casos necesitaron de hospitalización (3,3%), con dous falecementos por mor de meningoencefalite, de acordo co último balance do Ministerio de Sanidade. 

Varíola do mono
Varíola do mono | Fonte: EFE-GC

Disponse de información sobre o mecanismo de transmisión máis probable en 3.753 casos, sendo no 77,3 por cento por contacto estreito no contexto dunha relación sexual e no 9,6 por cento por contacto estreito non sexual. En relación á asistencia a eventos multitudinarios, dos 4.571 casos con información nesta variable, 786 acudiron a algún evento nas datas previas ao comezo de síntomas.

No resto de Europa, a 19 de agosto, notificáronse un total de 13.911 casos confirmados, sendo Alemaña (3.266), Reino Unido (3.081), Francia (2.749), Países Baixos (1.087) e Portugal (810) os países máis afectados ademais de España. A maioría son homes novos con antecedente de relacións en contexto sexuais de risco.

No resto do mundo, a 19 de agosto, notificáronse un total de 20.736 casos confirmados en países non endémicos, con Estados Unidos liderando a clasificación (14.115), seguida de Brasil (3.450), Canadá (1126), Perú (834) e México (252) como países máis afectados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta