Yolanda Díaz elixe o Courel para lanzar Sumar, o seu proxecto "que non é unha sopa nin suma de siglas"

Di que "non lle interesan" alianzas electorais como as que se presentaron en Andalucía ou Castela e León.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 29/08/2022 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, lanzará este xoves en Galicia o seu proxecto político Sumar cun acto no Courel.

Nunha entrevista na Cadea SER recollida por Europa Press, a ferrolá recalcou que Sumar non será "unha sopa" nin unha coalición de partidos de cara ás próximas eleccións xerais á vez que celebrou que "escoitar estea de moda" agora entre os partidos políticos.

Díaz incidiu que Sumar é un "movemento cidadán, non unha plataforma electoral" e por tanto non está a traballar para "facer unha sopa nin unha suma de siglas" posto que iso xa se fixo no pasado en Castela e León e Andalucía. "Non me interesa nada diso", sinalou.

A dirixente 'morada' indicou que con este movemento cidadán, que arrincará este xoves no Courel o que busca é escoitar, nesta ocasión ao "rural vivo", e adiantou que nos próximos días dará a coñecer os equipos de traballo que teñen por diante a "tarefa de levantar proxecto de país para a próxima década".

Preguntada por se lle preocupa o proceso de escoita que tamén se dispón a pór en marcha o PSOE, que prevé 30 actos do seu secretario xeral e presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para achegarse á cidadanía, Díaz deixou claro que non compite con el senón que mantén unha "relación magnífica" e o que fai é "cooperar".

"Está de moda escoitar", destacou, incidindo en que o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, "tamén vai escoitar". Na súa opinión, "quere dicir que isto funciona". Así as cousas, animou a seguir escoitando dado que "o principal problema que segue tendo hoxe a cidadanía española é a desafección política e segue crecendo" e hai unha fractura cos cidadáns que non entenden o que están a facer os políticos e non os considera "útiles".

Por último, garantiu que se dela depende "Feijóo non vai chegar á Moncloa en 2023". "Isto pódoo facer desde o meu despacho de avogados ou desde unha convocatoria electoral, non sei como vai ser" posto que recoñeceu que descoñece "no que vai acabar Sumar".

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, reúnese con mozos activistas, para presentar o seu proxecto Sumar / Arquivo / Europa Press
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, reúnese con mozos activistas, para presentar o seu proxecto Sumar / Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta