Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2022 | Actualizada ás 17:27
O Ministerio de Defensa e o Concello de Poio estreitaron os contactos para definir os usos da illa de Tambo, cuxa xestión foi cedida por un período de 25 anos ao consistorio local para a súa apertura á sociedade. Este luns, a secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcárcel, visitou o illote da ría de Pontevedra xunto ao rexedor de Poio, Luciano Sobral, antes de participar en Marín nunha reunión da comisión de seguimento consituida para avanzar na apertura á cidadanía de Tambo, cuxa titularidade pertence ao Ministerio de Defensa.
Tambo recibiu xa as primeiras visitas aínda que aínda está pendente de concretar os usos que se lle outorgarán á illa, na que a Escola Naval de Marín levará a cabo algunhas actividades, como os cursos iniciais para os novo alumnado do centro.
Defensa e o goberno local mostraron a súa satisfacción polos pasos dados antes e despois do 1 de marzo deste ano, data na que se asinou o acordo de cesión ao concello do enclave pontevedrés. Desde entón, o concello organiza visitas guiadas a grupos organizados de 50 persoas en catro quendas por día.
"O compromiso é que poidamos entre todos que a illa de Tambo sexa un referente para a ría e para o noso concello", declarou Sobral, que recoñeceu que "aínda queda moito traballo por diante" en cuestións como a restauración dos elementos da illa. Coa meta de lograr que Tambo sexa "un referente de conservación" que sexa accesible para a cidadanía, ambas as administracións se comprometeron a avanzar nos pasos dados ata o momento.
Así o subliñou a secretaria de Estado, que valorou o traballo realizado polo goberno local de Poio "durante moitos anos de reivindicación e de convecemento de que a mellor maneira de preservar un enclave tan importante" era que a súa xestión recaese no executivo municipal. Deste xeito, as administracións marcan como meta definir o plan director da illa coa conservación, o "equilibrio" ambiental e o aproveitamento e promoción na cidadanía como asuntos centrais.
Uns usos que, segundo Amparo Valcárce, son "perfectamente compatibles" coas actividades que aínda organizará a Escola Naval de Marín na illa como, por exemplo, a formación mariñeira que recibirá o novo alumnado durante tres días. Pola súa banda, o alcalde apuntou a importancia de contar cun documento de xestión do enclave de cara á captación de fondos, a xestión de masas forestais ou o proceso de recuperación ambiental.
Ademais, mostrou a súa satisfacción pola organización das primeiras visitas a Tambo, á vez que expresou o seu desexo de que se concrete a transferencia da titularidade da illa a mans do concello. "A conexión sentimental que existe entre Defensa e a illa sempre a imos a respectar", apostilou Luciano Sobral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.