Os difíciles números da volta ás aulas

“Eu recordo no colexio grupos, sendo neno, con cincuenta e dous rapaces e rapazas. E despois, no instituto, de corenta. Levábase ben, porque a sociedade era distinta, e o rol do profesorado tamén, tendo mudado nestes anos desde un maior autoritarismo a unha esfera de entendemento co alumnado. Hoxe sería absolutamente inviable calquera destas cantidades de alumnos e alumnas. Primeiro, porque o exercicio real da actividade docente sería moi difícil. E, segundo, porque aínda que se puidese levar a cabo, o resultado estaría moi lonxe do exercicio de calidade pretendida.”

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 06/09/2022

Comparte esta noticia
Estes primeiros días de setembro un dos máis importantes cambios que se produce periodicamente na nosa sociedade é a volta á escola. Son moitos os nenos e nenas, mozos e mozas que, así, deixan o tempo de lecer que representa o verán e volven compartir moitas horas de coñecementos, actividades e experiencias nas aulas. Hoxe achégome a este eido para compartirmos a nosa reflexión do mes. Aquí estamos... E quero falar con vostedes, en particular, de cal pode ser o número ideal de compañeiros e compañeiras na aula.
 
Pero vaiamos por partes... Ten vostede máis de corenta ou cincuenta anos? Entón é posible que recorde como eran as relacións entre o profesorado e o alumnado nas aulas nos seus tempos de mocidade. Por resumir, penso que non digo nada raro se expreso que as mesmas tiñan un carácter ben diferente ás de agora.  E que seguramente se teñan mellorado moitos aspectos neste eido desde entón, pero existindo aspectos que están moito peor agora, nesta sociedade do século XXI, máis líquida, moi hiperconectada e con referentes menos sólidos. Entre as melloras todo o que ten que ver, en xeral, coa diversidade e a súa atención, o que leva a unha forma máis natural e recoñecida de expresión das particularidades de cada quen, a unha maior heteroxeneidade na aula. Por outra banda, entre as cousas máis difíciles de xestionar a día de hoxe,  preséntase todo o relativo ás cuestións de orde e do normal desenvolvemento das sesións cara o cumprimento dos seus obxectivos. É lóxico, porque nestes tempos cuestiónase cada vez máis todo -incluído o papel do profesorado- e, cunha maior idade de escolarización obrigatoria, non falta o alumnado que se rebela de forma activa ou, no extremo contrario, quen intenta limitarse a asistir ás aulas “de corpo presente”.
 
E, neste contexto, os números nas aulas son moi importantes. Eu recordo no colexio grupos, sendo neno, con cincuenta e dous rapaces e rapazas. E despois, no instituto, de corenta. Levábase relativamente ben, porque a sociedade era distinta, e o rol do profesorado tamén, tendo mudado nestes anos desde un maior autoritarismo a unha esfera de entendemento co alumnado. Hoxe sería absolutamente inviable calquera destas cantidades de alumnos e alumnas. Primeiro, porque o exercicio real da actividade docente sería moi difícil. E, segundo, porque aínda que se puidese levar a cabo, o resultado estaría moi lonxe do exercicio de calidade pretendida. Corenta alumnos e alumnas hoxe nunha aula é un número que ninguén se imaxina sequera, pero incluso moitos menos son inabordables. Cantos? Cal é o número óptimo de rapaces e rapazas na aula? Que lles parece? 
 
Eu, mirando ao mar e pensando nisto de forma sosegada, o teño claro. Todo o que pase de vinte alumnos e alumnas por aula empeza a ser difícil de xestionar, dunha maneira inclusiva e intentando ter en conta as peculiaridades e as especiais necesidades de cada quen. Non digo que non poidan ser vinte e dous, ou mesmo chegar puntualmente a vinte e cinco, porque non se trata dunha ciencia exacta. Dependerá moito de a que grupo nos refiramos, ou mesmo da materia que impartamos. Pero, en termos xerais, penso nese número de alumnado como o ideal na aula. Logo habería que matizar en función de que esteamos falando de clases prácticas nun laboratorio, de clases máis plenarias ou de seminarios nos que as destrezas persoais sexan importantes e conveña facer un seguimento máis personalizado.
 
Isto dista moito da situación actual. Co recente cambio de vinte e cinco a trinta alumnos e alumnas por aula, a cousa é hoxe máis complicada. Recorden vostedes que nestes números non se ten en conta ao alumnado que repite curso, que sempre se suma ao anterior, co que non é difícil hoxe encontrar nun aula mesmo a trinta e catro ou máis rapaces e rapazas. Para min, de forma coherente co expresado antes, son moitos. Moitísimos. E así é difícil avanzar en calidade.
 
Entendo que, por outra banda, os xestores da cosa pública busquen certo nivel de aforro. Ben. Pero tamén hai que ver cales son os límites da fronteira entre tal eficiencia nos recursos sobre o papel, por unha banda, e a perda da devandita capacidade de actuar cun certo nivel de calidade prefixado. No equilibrio dunha cousa e da outra supoño que está a virtude. Porque se pasar dun certo número de alumnado compromete a calidade no ensino, vai estragar o resultado final e, por tanto, implicará que tal eficiencia non sexa real. Todo o contrario. É que, ás veces, o barato sae máis caro. Ou non?
 
En particular, para min os trinta e catro alumnos e alumnas por aula están claramente moi por fóra do que hoxe se pode xestionar ben nunha aula tipo da ESO ou Bacharelato. Penso que deberiamos reflexionar sobre iso e, se cabe, poñer máis recursos na educación, coa conseguinte repercusión nunha menor dispoñibilidade dos mesmos para outros capítulos orzamentarios, nun exercicio de suma cero.  Pero apostando así máis pola educación, que é sen dúbida a mellor ferramenta para preparar un futuro para a nosa sociedade, a partir da suma de futuros mellores para os nosos educandos de hoxe.
 
Feliz comezo de curso e... pensémolo de forma obxectiva, sumando e tratando de chegar á mellor realidade educativa posible. Ese é o reto!
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Nenos e nenas entran ao CEIP Manuel Mallo de Nadela, durante o primeiro día do curso escolar 2021-2022
Nenos e nenas entran ao CEIP Manuel Mallo de Nadela, durante o primeiro día do curso escolar 2021-2022 | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.