Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2022 | Actualizada ás 22:00
As denuncias da comunidade educativa polos "recortes" no ensino público marcan, un ano máis, o regreso do estudantado galego ás aulas. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino chamou á protesta a profesorado, familias e alumnado este mesmo mércores ás portas dos diferentes centros educativos, ademais de concentrarse tamén ante a sede da Consellería de Educación. "A falta de cifras completas e xerais que a Xunta de Galicia se nega a proporcionar, este curso comeza cunha nova tesoirada no emprego público docente", sinalaba estes días o secretario xeral de CIG-Ensino, Suso Bermello. Son, segundo expón, 717 profesores menos, que se unen ao recorte de 869 docentes no curso pasado.
SEN AS "NECESIDADES BÁSICAS" CUBERTAS
O IES Punta Candieira, en Cedeira, é un exemplo dos moitos centros educativos afectados pola eliminación destes postos de traballo. Alí mesmo vén de nacer, precisamente, a plataforma veciñal SOS Punta Candieira para defender os intereses do alumnado do instituto. A súa portavoz, María Pernas, explica a Galicia Confidencial que a Consellería de Educación eliminou o posto de oito docentes e 18 matrículas. Como consecuencia, "o alumnado queda sen moitas optativas en bacharelato, sen aulas de convivencia, sen laboratorios de física e química, sen biblioteca, sen reforzos en materias, sen desdobramentos, e con gardas que en determinados momentos quedarán sen cubrir", enumera Pernas.
Ante as protestas da comunidade escolar pola complicada situación do centro, a Consellería de Educación ofreceu a posibilidade de cursar certas optativas "en liña e sen profesor presencial"; e trasladoulles a decisión de cubrir o posto de dous profesores sen os cales tería que pechar un ciclo completo. Uns anuncios que provocaron "un enfado aínda maior" da veciñanza. "Demostran con isto que a educación dos nosos fillos é un mercado; queren comezar o curso e manternos calados, pero conseguen todo o contrario", denuncia Pernas. Xa en xullo, cando o profesorado soubo das intencións da Xunta, a dirección deste instituto dimitiu e informou as familias de xeito detallado das trabas coas que se atoparían para exercer o seu labor.
Ademais, o pasado 3 de setembro, todas as forzas municipais con representación no Consistorio decidiron nun pleno extraordinario realizar unha declaración institucional en contra dos recortes e esixir unha reunión co responsable de Educación na Xunta, Román Rodríguez. "Estamos moi orgullosos dos apoios acadados por parte do pobo, de asociacións culturais e deportivas e tamén a nivel político. Somos moita xente loitando porque se cubran as necesidades básicas do alumnado", explica María Pernas, que lembra tamén o recorte de catro docentes no curso pasado. "Caladiñamente e pouco a pouco, van desmantelando a educación pública", di.
Un proceso, alerta a Plataforma veciñal, que incrementa as desigualdades entre o alumnado. Por unha banda, porque as familias "se verán obrigadas a pagar do seu peto" e de xeito privado ese reforzo educativo das crianzas que precisan apoios especiais, e "non todas poden permitirse isto". Pola outra, porque detrás destes recortes hai, di a Plataforma, unha "estratexia de concentración dos bacharelatos e ciclos nas cidades" que supón unha "desvantaxa" para as crianzas "por vivir no rural". Sobre todo, alerta Pernas, de cara á ABAU e ao futuro formativo do alumnado, que non pode cursar nos seus centros optativas necesarias para determinadas carreiras. "Non nos poden vender a idea de volver ao rural e logo facernos isto", asegura a voceira da Plataforma, dende a que valoran, ademais, non enviar os fillos ao centro como medida de presión nos próximos días.
Non aos recortes no IES Punta Candieira pic.twitter.com/6Z6j6ZSXJY
— Fernando de Cedeira 🌬 (@OTaranho67) September 7, 2022
"EFECTO MULTIPLICADO" DESTES RECORTES
Na mesma liña, dende as ANPAS galegas denuncian que os "recortes" son "unha constante" dende que o goberno do PPdeG entrou na Xunta de Galicia, e aseguran que no actual contexto de cambio normativo, esta diminución dos cadros de persoal ten un "efecto multiplicado", dado que "dificultan o que xa tiñamos ata agora e imposibilitan o progreso". "A Lomloe, aínda con todas as súas eivas, procura a atención personalizada do alumnado, o ensino práctico e a igualdade e equidade. Isto require de moito máis profesorado do que había, polo que os recortes agora son un auténtico tiro na liña de flotación do que busca a normativa", explica Fernando Lacaci, presidente da Confederación Anpas Galegas.
Ao igual que apunta María Pernas, Lacaci denuncia que a redución de profesorado afonda na "segregación das persoas en función das capacidades para seguir o ritmo", e alerta de que, sobre todo no rural, estes recortes supoñen "matar zonas concretas" a nivel social, económico e cultural. "En vez de axustarse á realidade demográfica, como di a Xunta, cómpre pelexar contra ela e fomentar que os centros escolares do rural estean dotados e cubran as necesidades básicas do alumnado", explíca Lacaci, que advirte que se está "desatendendo integramente a obriga de formar de xeito holístico os cidadáns e cidadás do futuro".
Fronte a un modelo que "tende a ser exclusivamente urbano", Anpas Galegas demanda que as crianzas de todos os lugares teñan as "mesmas oportunidades, facilidades e dereitos, vivan nos Ancares ou no centro de Vigo". Así mesmo, esixen "transparencia" e información detallada sobre a Lomloe para as familias: "A Xunta ten que dar explicacións, porque o éxito dun cambio educativo sempre depende da implicación de toda a comunidade educativa, non poden seguir educando de costas ás familias", sentenza.
RADIOGRAFÍA DA PLATAFORMA DE ENSINO GALEGO
O dato de 717 docentes menos inclúe, denuncian dende CIG-Ensino, o peche de 59 aulas de Infantil e Primaria - coa perda de 100 postos de traballo, xunto coa "redución de prazas que se viñan cubrindo nos CEIP con carácter provisional e se negan este curso". "Tan só en Infantil e Primaria o recorte de mestras e mestres desde a chegada do PP á Xunta no 2009 é superior ao 10% ao tempo que o profesorado do ensino privado no seu conxunto aumentou preto do 6%", explica Suso Bermello, que alerta igualmente do aumento do profesorado itinerante - aquel que dá aulas en varios centros á vez -.
Dende o sindicato nacionalista tamén denuncian que se "elevan as ratios de alumnado por aula aos máximos legais permitidos", e critican que a Xunta é "das poucas administracións que quedan que non negociou cos sindicatos a recuperación dos dereitos do horario lectivo anterior á crise". Suso Bermello demanda, neste sentido, o establecemento dun cadro de persoal suficiente que permita impartir menos aulas e ter unha maior dispoñibilidade para "reforzar a coordinación pedagóxica e didáctica, unha gran eiva do sistema educativo actual", remarca.
Por último, CIG-Ensino pide unha partida específica para o incremento dos gastos ordinarios dos centros, sobre todo en calefacción, e unha suba dos fondos destinados a comedores escolares neste contexto de inflación e de crise enerxética, xa que, alerta, moitos centros "non poden garantir a calidade na alimentación que estaban mantendo". Neste sentido, precisamente este mércores a Xunta de Galicia anunciou un investimento extra de 1,4 millóns de euros no servizo de comedores escolares.
No eido político, o BNG advertiu nestes últimos días dun dos inicios de curso "máis duro en varios lustros" e o PSdeG denunciou a "desmotivación" da comunidade escolar ante uns recortes que se suceden "curso tras curso". PPdeG e Xunta de Galicia, pola súa banda, negan a existencia de tales recortes no sistema educativo e acusan os grupos da oposición de "xerar ruído".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.