Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2022 | Actualizada ás 12:39
O curso de verán 'Diálogo co mundo árabe: Os dereitos humanos' deu comezo este martes na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago (USC) coa intención de se converter nun ciclo de charlas anuais no que dar espazo a persoas relatoras israelís, palestinas e intelectuais do mundo árabe. O curso, que está cofinanciado pola Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e o Concello de Santiago, estenderase ata o xoves, 8 de setembro, e nel inscribíronse un total de 55 persoas, aínda que está aberto ao público xeral.
O codirector do curso, o activista sobre a causa árabe Mohamed Safa, xunto aos profesores da USC Carmen Mellado e Xurxo Salgado, explicou na inauguración das xornadas que a organización pretende "sensibilizar a conciencia solidaria da sociedade galega sobre a dramática e violenta situación que vive o pobo palestino por mor da ocupación do seu territorio". Ao mesmo tempo, busca, asegura, contribuír a mitigar a lóxica binaria e a polarización entre "eles" e "nós", que provoca a "creación de prexuízos duns respecto dos outros, e condiciona negativamente a relación entre Oriente e Occidente".
ILÁN PAPPÉ
A conferencia inaugural correu a cargo do profesor titular da Universidade de Exeter (Reino
Unido) e codirector do Centro Exeter de Estudos Etno-Políticos, historiador e activista político
israelí Ilán Pappé (Haifa, Israel, 1954), escritor da corrente de novos historiadores israelís
que cuestionan o relato oficial do Estado de Israel, centrado na limpeza étnica de 1948
coñecida como Nakba Palestina. Pappé sinalou que o sionismo é un movemento que colonizou Palestina a finais do século XIX e cuxa lóxica pasa pola eliminación dos nativos palestinos.
No seu argumento, Pappé asegurou que o territorio palestino non estaba baleiro, xa que había un pobo que viviu e se desenvolveu alí. "O movemento sionista foi apoiado polas potencias occidentais como unha forma de solucionar a cuestión xudía en Europa", asegurou. "Venderon que Palestina era un territorio baleiro, baseándose no slogan 'Unha terra sen pobo, para un pobo sen terra'. É a mesma ideoloxía que hoxe practica Israel", engadiu.
O historiador aclarou, ademais, que hai que distinguir entre a relixión xudía e o movemento sionista. "A ideoloxía sionista é racista porque se sustenta na exclusividade do territorio palestino para os xudeus, e así foi como o colonizaron con miles de xudeus de Europa. Incluso din que desta forma nos devolveron á súa patria de orixe. Esta é a mercadoría falsa que venden ao exterior", concretou. Tamén engadiu que os sionistas ven os nativos palestinos como estranxeiros na súa terra.
Tras 1948, Pappé explicou que comezou un proceso de limpeza étnica en Palestina, que expulsou máis da metade da poboación e destruíu máis da metade dos pobos. "Até hoxe os gobernos europeos non recoñecen o proceso de limpeza étnica en Palestina, e por iso Israel segue practicando esa política", asegurou. Como conclusión, o profesor Pappé indicou que se necesita desmantelar o sistema sionista, como un sistema de Apartheid e colonialista. "Necesitamos unha solución política e cambiar este sistema por un sistema democrático entre todos os que están en Palestina", puntualizou.
OMAR BARGHOUTI
A continuación, foi a quenda para o cofundador do Movemento de boicot, desinversión e sancións (BDS), Omar Barghouti, que falou para pechar a xornada sobre a 'Loita contra a ocupación. Boicot, desinversión e sancións'. Como palestino fillo de refuxiados en Qatar
nacido en 1964, Barghouti explicou que se loita contra o sistema do Apartheid a través do Movemento BDS, do movemento popular pacífico e da solidariedade internacional.
Sinalou que o sistema de opresión israelí se sustenta nunha complicidade de gobernos e estados con Israel. "Por iso é polo que a primeira medida solidaria que se debería alcanzar é pór fin esa complicidade; por iso nós, que distinguimos entre gobernos e pobos, reclamamos aos pobos presión aos seus gobernos para romper con ela".
FÁTIMA HAMED
O curso continuou este mércores ás 10 horas cun relatorio titulado 'A cidadanía desde a perspectiva dunha muller: a alma dun estado de dereito', impartido pola avogada e política da Asemblea de Ceuta Fátima Hamed. Ás 12 horas falarase de 'Reordenación estratéxica do mundo árabe-musulmán: Palestina como exemplo' da man do codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH) e patrón da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, Jesús A. Núñez Villaverde.
Xa pola tarde, ás 16:30 horas, o doutor en Relacións Internacionais pola Universidade
Complutense de Madrid, Isaías Barreñada, impartirá un relatorio titulado 'Unha relectura crítica das protestas do 2011 e as súas consecuencias. Restauración autoritaria e bloqueo do pacto social'. A continuación, ás 18:00 horas, a directora xeral de Addameer
(Organización nos territorios palestinos ocupados), Sahan Francis, falará sobre as
'Condicións de vida nos cárceres israelís'.
Xa ás 19:3.0 horas, o oftalmólogo e escritor activista sobre a causa árabe Mohamed Safa analizará 'A segunda Nakba Palestina', intervención na que analizará o suposto proceso de paz, que na súa opinión é máis unha "segunda Nakba con respaldo internacional que consiste na confiscación do territorio e a expulsión dos seus habitantes mediante o embargo, o encarceramento e os asasinatos, co fin de baleirar o territorio e anexionalo".
Finalmente, o xoves 8 de setembro celebrarase ás 10 horas a mesa redonda, 'Como entender a crise do mundo árabe'. Ás 12 horas proxectarase o documental 'Gaza', cun posterior debate sobre o conflito, e ás 14 horas clausurarase o curso coa correspondente entrega de diplomas ás persoas participantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.