A Xunta destina 300.000 euros para auditar os sistemas de saneamento de augas nos concellos

Ademais, o Goberno autonómico publica unha guía de boas prácticas para a integración paisaxística de redes de abastecemento de auga potable.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2022 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia destinará 300.000 euros a axudar aos concellos a realizar auditorías nos seus sistemas de saneamento para así erradicar as infiltracións de augas brancas e verteduras e preservar a calidade das augas.

En Sober, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez cualificou de "esenciais" estas auditorías, "que permiten detectar os defectos das redes de saneamento e programar actuacións que leven á súa corrección". Insistiu ademais na "urxencia" de identificar e atallar estes problemas para "coidar máis a auga, un ben finito e cada vez máis escaso".

Así, das axudas autonómicas poderán beneficiarse os municipios de ata 50.000 habitantes. Estes incentivos subvencionarán o 80%, cun límite de 15.000 euros, os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2022 destinadas á elaboración de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións.

Para facilitar o traballo dos municipios, recalcan, tamén se poñerá á súa disposición un modelo de auditoría e protocolo de inspeccións das redes de saneamento, así como recomendacións para a súa realización. Detallan ademais que as auditorías deberán recoller un mínimo de información: descrición detallada do sistema de saneamento, planos e documentación gráfica e inspección dos puntos de control. As entidades locais interesadas teñen un mes de prazo, a partir deste xoves e ata o 8 de outubro, para presentar as súas solicitudes.

GUÍA DE BOAS PRÁCTICAS EN REDES DE ABASTECEMENTO

Por outra banda, a Xunta de Galicia acaba de publicar unha guía de boas prácticas para a integración paisaxística de redes de abastecemento de auga potable.

Nesta publicación, explican nun comunicado, recóllense toda unha serie de recomendacións co dobre obxectivo de fixar criterios básicos e comúns á hora de planificar a construción deste tipo de infraestruturas e, á súa vez, agrupar medidas correctoras co fin de mellorar as xa existentes e mitigar os seus posibles impactos sobre a contorna.

A duodécima edición desta guía presentouse este mércores na Estación de Tratamento de Auga Potable de Casal-río Ulla --que dá servizo á veciñanza de Padrón--. Cunha tirada inicial de 700 exemplares, estará tamén dispoñible para a súa consulta e descarga a través do portal web do Instituto de Estudos do Territorio.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presenta en Sober as axudas autonómicas para apoiar aos concellos na auditoría dos seus sistemas de saneamento de augas. XUNTA DE GALICIA
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presenta en Sober as axudas autonómicas para apoiar aos concellos na auditoría dos seus sistemas de saneamento de augas. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta