O Colexio de Xornalistas critica a LaLiga por "atentar" contra a liberdade de información

O contrato establece que a produción informativa debe ser realizada "de forma positiva" e "evitando danar a imaxe das Competicións, Clubs, xogadores, adestradores e público".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2022 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas vén de emitir un comunicado no que expresa o seu "profundo rexeitamento a algúns dos aspectos do prego de condicións para a comercialización dos dereitos de explotación do campionato nacional de Liga en España", que significan, din, un "retroceso no dereito á información da cidadanía". "O control que quere impoñer LaLiga nos contidos, comentarios e imaxes sobre esta competición deportiva só pode entenderse como un ataque á profesión xornalística e imposibilita na práctica a información libre sobre a competición masculina de fútbol", denuncian nun comunicado.

O presidente de LaLiga, Javier Tebas, nunha charla no CEU-UCH de Valencia. CEU-UCH
O presidente de LaLiga, Javier Tebas, nunha charla no CEU-UCH de Valencia. CEU-UCH

En concreto, no punto 2.8 do prego de condicións estabelécese que o adxudicatario dos dereitos da retransmisión se compromete "a que a personalización da produción sexa realizada de forma positiva, evitando danar a imaxe das Competicións, Clubs, xogadores, adestradores e público”, podendo LaLiga "solicitar a substitución daqueles locutores, narradores, comentaristas e redactores que incumprisen os principios citados”.

Esta esixencia, segundo explican os Colexios, "atenta claramente contra a independencia das e dos comunicadores, un alicerce esencial do dereito á información, evitando que realicen o seu traballo libremente ao lles impór a salvagarda da imaxe dunha parte claramente interesada como é LaLiga". Dende os Colexios lembran que a propia Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia xa expresou a súa preocupación por esta cuestión, e estableceu nun informe que "debe ser reconsiderada á luz do artigo 20 da Constitución e as liberdades de expresión e información".

Así mesmo, a patronal do fútbol resérvase a produción audiovisual dos partidos, así como as súas repeticións e resumos. "Este control das imaxes, que xa se viña desenvolvendo nos últimos anos, pero que se consuma neste contrato, limita tamén o dereito á información, e pode ser equiparado á práctica nefasta dalgúns partidos políticos en campañas electorais, que impiden o acceso das cámaras aos mítins para substituir a captación libre de imaxes pola facilitación dun sinal realizado ou de gravacións de vídeo", expoñen nun comunicado.

"É necesario lembrar que este tipo de ataques contra a profesión xornalística non van só contra os e as profesionais da comunicación. O verdadeiro prexudicado do control dos contidos é o conxunto da cidadanía, que ve cernado o seu dereito a unha información libre.  E este dereito debe ser defendido sen concesións en todo tipo de contidos informativos, tamén sen dúbida nos do xornalismo deportivo", rematan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta