Por Galicia Confidencial | A Coruña | 15/09/2022 | Actualizada ás 17:11
O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto do acordo polo que se declara festa de
interese turístico de Galicia a Festa da Pataca do Concello de Coristanco, que se
celebra anualmente cada terceiro domingo de setembro.
Unha vez examinada a solicitude presentada polo Concello e logo dos trámites
preceptivos e a aprobación do Consello Galego de Turismo, emitiuse informe favorable onde se valora a creatividade e a innovación na celebración do evento, o nivel de dotación de infraestruturas e equipamentos para a celebración da festa e a recepción de visitantes, a afluencia de visitantes, a coordinación das entidades públicas e privadas involucradas na celebración e o adecuado coidado dos contornos urbanos, monumentais ou paisaxísticos onde se desenvolve.
A Festa da Pataca celébrase anualmente o terceiro domingo de setembro e as súas orixes remóntanse ao ano 1980, nela únense patrimonio, tradición e gastronomía. "Trátase dunha manifestación cultural e social de enaltecemento do produto da pataca de Coristanco, froito nesas terras da dedicación ao traballo de agricultores e produtores", destaca a Xunta.
Esta festividade ten a súa orixe na necesidade de dar a coñecer a calidade do
produto gastronómico que atopa na terra de Coristanco un óptimo lugar para o seu
cultivo, pola conxunción da climatoloxía húmida e temperada desta xunto coas
condicións do seu solo. Foi unha das primeiras festas gastronómicas de Galicia e
naceu nun momento de predominio do traballo agrícola e de cultura enraizada na
vida rural.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.