GC Aberto

Carta a Ofelia de Piñeiros - Narón

Por admin | GCABERTO | 17/09/2022

Comparte esta noticia

“Quem quer dizer quanto sente

Mans dunha persoa maior
Mans dunha persoa maior | Fonte: Cáritas.

(F. Pessoa, Cartas a Ofelia).

Queridísima Ofelia:

Eu non son Pessoa. Pero ti es Ofelia. E a ti querémosche todas e todos. Pero as nosas palabras fican abondo pequenas.

Acabo de recibir a noticia. Triste. Pero temos a inmensa riqueza e a alegría do que foi e supuxo a túa vida que hoxe moita dela está repartida non sabemos en cantas situacións e vidas ás que ti aportaches alegría, bondade, cariño, ánimos e solucións de todo tipo incluso material, pero en silencio e con discreción exquisita, como ti fuches e fixeches sempre.

E está o teu labor a nivel social, cultural, educativo, comunitario, asociativo, político, recreativo, etc.

Tiñas un humor excelente e unha capacidade de acompañamento verdadeiramente empático e sempre eminentemente positivo.

En ti temos un exemplo eximio a seguir nas nosas maneiras de darlle un auténtico sentido á vida.

Unha vida de entrega e bondade, de amor e paciencia, de sorriso e esperanza. Onde ti estabas había alegría serena e imprimías confianza na existencia.

Levabas Galiza no corazón e na alma. Contigo medrou o que é sermos uns auténticos cidadáns responsábeis do que é o NÓS comunitario. Xa podíamos aprender de ti un moito de civismo e creación colectiva democrática e de respecto polos dereitos humanos, a defensa da muller, os senti-pensamentos do diferente, do emigrante, do pobre, do discapcitado, etc.

Canto aprendín de ti do que é pasar polos sitios e países recollendo o mellor de cada persoa e de cada cultura. O cariño que comunicabas por Uruguai! Inda onte lle falei de ti a un home novo que está no cárcere de Teixeiro por ter un deses “delitos” de “ser un ilegal” porque lle faltaba un papel que le deberan ter dado a tempo pero non llo deron. E faleille do seu país coas cousas que ti me tiñas contado e que eran moi vivas porque alí deixaches a túa fonda pegada dos teus anos mozos e alí naceu Tere, a vosa filla. Emocionouse. A tenrura positiva era a que eu copiei de ti, as palabras eran miñas, pero o corazón era de Ofelia e de Tere e de Tolín.

E así llo fixen saber. Na próxima semana volveirelle a falar de vós. Vaise volver a emocionar, pero sentirase querido e comprendido máis alá da inxustiza que está a sufrir por ser outro pobre do mundo atrapado por leis e burocracias.

Ofelia! Inmensa Ofelia! Grazas pola túa vida. Bicos, amiga. Para ti, para os teus todos, para Areosa, para Piñeiros, para ....? Narón non sería igual sen ti. E sabes unha cousa? Querémosche, Ofelia. “Sen que a morte nos separe”. Xa nos veremos. Uniunos esa fe e esa esperanza. GRAZAS POR TODO!

Xaquín Campo Freire.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta