Por Galicia Confidencial | Vigo | 03/10/2014 | Actualizada ás 16:00
O catedrático e xenetista da Universidade de Vigo David Posada é un dos autores deste estudo que amosa a “historia escondida” desta enfermidade, analizando o establecemento e diseminación temperá dunha enfermidade que ten producido 75 millóns de infeccións en todo o mundo. Para entender a aparición deste grupo principal do SIDA, os investigadores aplicaron modelos evolutivos “moi sofisticados” de filoxeografía estatística a un amplo conxunto de secuencias xenéticas da envoltura do grupo principal do VIH-1, o grupo M. A través da análise de 800 mostras procedentes de África central, neste artigo reconstrúese en detalle o modo e tempo da expansión xeográfica da enfermidade, de xeito que se pode datar a súa aparición en 1920 e localizala en Kinshasa, capital de República Democrática do Congo.
O estudo, explica Posada, trata de “identificar os factores que conduciron ao establecemento do VIH-1 como pandemia global”. Para entender a aparición deste grupo principal do SIDA, os investigadores aplicaron modelos evolutivos “moi sofisticados” de filoxeografía estatística a un amplo conxunto de secuencias xenéticas da envoltura do grupo principal do VIH-1, o grupo M. A través da análise de 800 mostras procedentes de África central, neste artigo reconstrúese en detalle o modo e tempo da expansión xeográfica da enfermidade, de xeito que se pode datar a súa aparición en 1920 e localizala en Kinshasa, capital de República Democrática do Congo. Ademais, a comparación dos resultados cos datos históricos permitiu hipotetizar que os principais factores que facilitaron a conversión do virus nunha pandemia foi o crecemento urbano e do transporte por ferrocarril durante o goberno colonial belga e os cambios no comercio sexual nesta zona a partir da independencia do país en 1960.
Dunha “pequena fiestra” a unha pandemia global
Posada é o único español que asina este estudo impulsado polas universidades de Oxford e Lovaina e no que participan expertos de eidos que van dende a xenética á epidemioloxía. En total, 14 investigadores de dez universidades e institutos de investigación de Europa e Norteamérica. Lembra o científico vigués que, aínda que a transmisión orixinal de chimpancé a humano do grupo principal do virus, o grupo M (único que se expandiu fóra de África), semella que se produciu no sur de Camerún, “a súa orixe e diseminación era ata agora un misterio”. Sábese que o Virus de Inmunodeficiencia Simia (SIV)pasou a humanos que desenvolvían actividades relacionadas coa caza e a manipulación de carne destes animais, pero “non estaba claro que sucedeu a partir dese momento, como se disemina a enfermidade, con que intensidade e porque dun xeito diferente o grupo M e o O, xa que este último quedou confinado a África central e oriental”, apunta Posada. Cunha análise restrospectiva este grupo interdisciplinar empregou secuencias xenéticas do virus da envoltura de cepas do grupo M procedentes da República Democrática do Congo e da República do Congo recuperadas de clínicas e hospitais da zona, sendo a máis antiga de 1959. O obxectivo é comprender como unha “pequena fiestra” durante a era colonial belga que se abriu co paso do virus ao humanos, puido dar paso a unha pandemia global.
Unha “tormenta perfecta” de factores
"Ata agora a maioría dos estudos adoptaban un enfoque pouco sistemático da historia xenética do VIH, centrándose en xenomas concretos do VIH en determinados lugares" sostén o profesor Oliver Pybus, do Departamento de Zooloxía da Universidade de Oxford e un dos coordinadores principais do artigo. Pero agora, por primeira vez analizáronse todas as probas dispoñibles “empregando as últimas técnicas filoxeográficas, que nos permiten estimar estatisticamente de onde ven o virus”, estaca o investigador.
“Unha vez que coñecemos as orixes espazo-temporais da pandemia, localizadas en 1920 na República Democrática do Congo, estas puideron ser comparadas cos datos históricos e fíxose evidente que a difusión temperá do VIH-1 de Kinshasa a outros centros de poboación seguiu patróns predecibles", subliña o profesor Philippe Lemey, da Universidade de Lovaina. A evolución da enfermidade amosa dous períodos de tempo claramente diferenciados: dende 1920 ata 1960 e desa data en adiante. “Na primeira fase pre-pandémica as infeccións van aumentando de maneira proporcional ao crecemento da poboación humana, expandíndose mediante a rede ferroviaria e fluvial, pero en 1960 hai un salto, chegando a triplicarse o número de afectados”, explica Posada. A investigación tratou de determinar que sucedeu nese momento e as probas obtidas suxiren que foron o comercio sexual e certas campañas de saúde pública en ETS as causas principais. O desenvolvemento do ferrocarril , que converteu a Kinshasa nunha das cidades mellor conectadas de África central, foi crucial. “O VIH diseminouse viaxando coa xente ao longo das vías férreas chegando a Mbuji-Mayi e Lubumbashi e no extremo sur e Kisangani no norte”, explica Nuno Faria, do Departamento de Zooloxía da Universidade de Oxford. Deste xeito foron xurdindo focos secundarios que a partir de 1960 foron determinantes na expansión. O estudo apunta tamén a cambios substanciais no comportamento das prostitutas e engade como factor o tratamento doutras enfermidades sexuais en clínicas da zona con xiringas sen esterilizar. Esta conxunción de circunstancias, que os investigadores definen como “tormenta perfecta”, son as causas principais que provocaron que a epidemia acabase por converterse en pandemia.
O estudo serviu tamén para derrotar definitivamente outra teoría que, segundo o investigador vigués, xa estaba descartada. Os seus defensores sostiñan que o VIH xorde das vacinas contra a polio empregas por médicos belgas en África central que contiñan células hepáticas de chimpancés. Sitúan estes feitos na década de 1960, co cal a teoría queda “descartada aínda máis se cabe”, explica o catedrático vigués.
Os autores destacan que precisan seguir traballando neste eido para entender o papel dos diferentes factores sociais na orixe da enfermidade e subliñan, que tendo localizado o foco principal é preciso buscar máis mostras para estudar a evolución do virus. “Con este estudo aprendemos como empeza unha pandemia que segue a matar moita xente, sobre todo no continente africano”, conclúe Posada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.