Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 18:13
A Xunta de Galicia remitiu ás organizacións sindicais que forman parte da mesa sectorial docente a proposta de prazas por especialidade da convocatoria de concurso de méritos que organiza a Consellería de Educación para os próximos meses. Estiman convocar 1.156 prazas en 148 especialidades.
Así o informou o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, que lembrou que a distribución de prazas deste concurso cumpre cos requisitos establecidos polo Goberno central para estabilizar ao profesorado. O vindeiro luns celebrarase unha mesa sectorial para concluír o proceso.
Segundo explican, do total de prazas, as 147 prazas do extinto corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional non se poderán convocar ata que o Ministerio de Educación publique a norma de desenvolvemento da nova lei de FP no que respecta ao novo corpo que se crea (profesores especialistas en sectores singulares da FP) e ás especialidades do extinto corpo que se integran agora no de profesores de ensino secundario.
"A convocatoria deste concurso de méritos dá resposta á obrigación imposta polo Goberno central a través do Real Decreto que modifica de forma transitoria o sistema de oposicións para alcanzar unha taxa de interinidade do 8%, cifra que Galicia xa ten e que contrasta coa media do 25% que se estima de media para o conxunto das Comunidades", remarcan nun comunicado.
A previsión, segundo apuntou o propio director xeral, é que o sistema educativo galego alcance unha interinidade de aproximadamente o 6% ao finalizar o proceso de estabilización que desenvolve a Xunta, "con case 4.000 prazas entre as oposicións desenvolvidas durante o pasado verán, este concurso de méritos e o concurso-oposición polo sistema transitorio que terá lugar no verán de 2023". Tras a mesa do próximo luns, o seguinte paso sería a publicación do proceso no Diario Oficial de Galicia (DOG) para abrir o concurso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.