Por M.V. | A Coruña | 09/10/2014 | Actualizada ás 14:17
Unha resolución da Alcaldía de Coruña de 8 de agosto de 2014 acorda aboarlle a unha axencia de publicidade unha factura de 1.960,20 euros para que un medio de comunicación da cidade entreviste ao alcalde con motivo do ascenso do Deportivo. Así o demostra unha copia do documento de fiscalización publicada onte polo BNG e na que se pode ler textualmente "abonar fac. entrevista alcade de la coruña por ascenso del deportivo".
O documento publicado polos nacionalistas facilita o nome da axencia intermediadora pero borra o do medio de comunicación. Segundo puido confirmar GC de varias fontes da prensa e da oposición local, o Concello pagou case 2.000 euros por unha entrevista no diario Deporte Campeón, o único deportivo da capital herculina. Cómpre lembrar que Deporte Campeón é parte do Grupo La Capital, matriz do diario de información xeral coruñés El Ideal Gallego.
O Goberno de Carlos Negreira investe de seguido importantes cantidades de publicidade nos medios herculinos. Unicamente para celebrar o San Xoán gastou 75.527,4 euros en anuncios nos medios, segundo a documentación que o Concello tivo que facilitar aos concelleiros do Bloque.
"O Señor Negreira trata de agochar o seu estrepitoso fracaso á fronte do Concello dilapidando en propaganda unha inxente cantidade de cartos municipais" denuncian dende o Bloque.
Cuestionado o Concello sobre como é posíbel que cartos públicos se utilicen para lograr unha entrevista ao alcalde nun medio de comunicación, fontes municipais responderon hoxe que o pago foi pola inserción dunha publicidade, non por unha entrevista, a pesar do que indica o documento oficial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.