O BNG denuncia o uso de "recursos públicos" para verter terra nunha leira dun concelleiro de San Cibrao das Viñas

Critica o uso indebido "tanto de medios públicos como de traballadores municipais" para verter terra vexetal nunha parcela.

Por E.P. | Lugo | 14/10/2022 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego de San Cibrao das Viñas (Ourense) denunciou este venres "prácticas clientelares e caciquiis" por parte do goberno local. Así, criticaron o uso indebido "tanto de medios públicos como de traballadores municipais" para verter terra vexetal nunha parcela dun concelleiro do equipo de goberno.

Polígono de San Cibrao das Viñas, en Ourense
Polígono de San Cibrao das Viñas, en Ourense | Fonte: Google Maps.

Os nacionalistas do concello ourensán consideran que é "un feito moi grave", xa que "se están empregando recursos públicos para fins privados", polo que entenden urxente saber se se está diante do proceder habitual na institución.

Por iso pediron que o rexedor, Manuel Pedro Fernández, manifeste se tiña constancia do sucedido e que tipo de medidas vai adoptar desde a súa responsabilidade legal como máxima autoridade da corporación. Ademais, advirten de que "se avala o mesmo comportamento, será cómplice das actuacións de xeito evidente ilegais".

Pola súa banda, o alcalde respondeu ás acusacións dos nacionalistas e negou que se trate dunha achega de terra vexetal a unha parcela dun concelleiro, se non do traslado de terra procedente dunha obra de pluviais da parroquia de Calvos.

"A terra que sacamos da obra había que vertela nalgún lado, o vertedoiro está a tres quilómetros e medio, a leira deste concelleiro a 200 metros e ofreceuse a deixala alí", explicou o alcalde, asegurando que "non hai nada máis detrás" da acción e convidando ao BNG a "buscar cousas máis importantes que facer, que non son poucas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta